O BNG solicita auditoría sobre a compra en Ourense de catro parcelas por parte da Xunta

A formación nacionalista queren despexar dúbidas sobre as posíbles irregularidades

Ourense | O Grupo parlamentar do BNG ven de rexistrar no Parlamento galego a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, unha proposición non de Lei relativa ás posíbeis irregularidades no procedemento seguido pola Xunta de Galicia para a adquisición de catro parcelas no barrio das Lagoas co obxecto de construir nelas o novo edificio administrativo no que centralizar todas as dependencias do Goberno galego en Ourense.

Na exposición de motivos da mesma, Tabarés cuestiona as trabas e as dificultades postas pola Xunta á hora de permitir o acceso, algo ao que as e os deputados teñen dereito, a dito expediente. “Resulta incompresíbel a contumaz resistencia da Xunta de Galiza a cumprir coa legalidade vixente e negarse á remisión ao Parlamento de Galiza do expediente solicitado vía art. 9 do Regulamento do Parlamento de Galiza”.

Segundo o deputado Tabarés este comportamento da Xunta, “reflexa a vontade de obstaculizar o control da acción do goberno, xa que o que se exhibiu foi unha copia do expediente que ben podería ser remitido ao Parlamento en tempo e forma, como este requiriu”.

O motivo da solicitude dunha auditoría externa que avalíe o procedemento e a adquisición das parcelas ven dada polo feito de que “unha vez analizado o expediente, resulta elocuente a ausencia de proxecto ou, sequera, de anteproxecto que acredite a superficie necesaria para a construcción do edificio, de documentación algunha sobre as xestións realizadas, alternativas analizadas, e xa que logo, a opción pola ubicación finalmente escollida, sendo palmario o sobreprezo satisfeito pola Xunta para a adquisición das parcelas”.

Asemade, para Tabarés, “os feitos acreditan o nulo rigor orzamentario da Xunta de Galiza consignando partidas elevadas sen a máis mínima constancia da posibilidade do seu cumprimento ou mesmo sendo conscientes da súa imposíbel execución”.

Ante esta situación é pola que desde o BNG veñen de instar á Xunta de Galicia a presentar na Cámara galega, antes de que finalice o ano 2022, unha auditoría externa sobre o procedemento seguido para a adquisición das catro parcelas no barrio das Lagoas con destino a construcción do novo edificio administrativo, así como sobre o importe satisfeito pola compra das mesmas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos