
Ourense/BNG | A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, afirmou que Ourense está máis preto de facer historia este 29N conseguindo por primeira vez representación nacionalista no Congreso “que permita sacar a Ourense da inacción e o abandono” á que as forzas estatais sumiron a esta parte do País”. Presas aposta por implantar un metro lixeiro que conecte Ourense e a súa contorna a través dunha infraestrutura estratéxica que “permitiría avanzar cara a un modelo de mobilidade moderno, sustentábel e adaptado ás necesidades da cidadanía”.
Presas afirmou que o BNG impulsará no Congreso a creación dun sistema de transporte similar ás cercanías ferroviarias que permitirá conectar a máis de 170.000 persoas da cidade de Ourense e dos concellos da súa contorna, facilitando os desprazamentos diarios e mellorando as conexións con puntos fundamentais como os centros sanitarios, o campus universitario e as principais áreas industriais.
A proposta do BNG permitirá “conectar O Carballiño con Santa Cruz, Quintela, Untes, O Pino, a Estación do Empalme, o Campus Universitario, Polígono industrial, San Francisco e a Residencia…”, así como conectar con outras localidades como Ribadavia, Barra de Miño, Os Peares ou Baños de Molgas.
“Ourense necesita deixar atrás a resignación e apostar por infraestruturas que estean á altura do que merece. Falamos dunha proposta transformadora, que conectaría a cidade coa súa contorna, facilitaría a vida da xente e abriría novas oportunidades” sinalou Presas. E, para iso, explicou a cabeza de lista, é preciso “contar con representación do BNG en Madrid pola circunscrición de Ourense”.
A candidata nacionalista incidiu en que Ourense precisa investimentos e propostas ambiciosas que permitan superar o modelo de abandono e falta de iniciativa das últimas décadas. Neste sentido, subliñou que o metro lixeiro sería unha ferramenta fundamental para vertebrar o territorio, reducir a dependencia do vehículo privado e ofrecer alternativas de transporte cómodas, eficientes e accesibles.
Presas asegurou que o 29N Ourense ten a oportunidade de abrir unha nova etapa política e conseguir por primeira vez unha representante do BNG no Congreso, capaz de defender iniciativas e impulsar infraestruturas e servizos que as demais forzas políticas -após case 50 anos trocándose os escanos- deixan fóra da súa axenda unha vez pasado o Padornelo.
“O escano do BNG por Ourense marcará un fito ao conseguir implantar o metro lixeiro. Queremos que Ourense conte, que teña voz propia e que poida impulsar proxectos que hoxe parecen imposíbeis porque ninguén se preocupou de poñelos enriba da mesa. Nós temos ambición por Ourense e imos traballar para convertela en realidade” afirmou Presas.
Trasladar as mercadorías ferroviarias a San Cibrao
Por outra parte, a cabeza de lista do BNG ao Congreso pola circunscrición de Ourense comprometeuse a poñer enriba da mesa o traslado da estación de mercadorías a San Cibrao. Unha cuestión, lembrou Presas, que tanto PP e PSOE “empregaron como arma política cando estaba na oposición mais, cando estaban no goberno, nunca impulsaron”.
Un exemplo máis, evidenciou a candidata nacionalista, da importancia desta campaña electoral e da oportunidade que se abre para que Ourense conte cunha voz forte que defenda os seus intereses “como é a do BNG” e permita levar a cabo medidas para impulsar tamén a industria existente nos polígonos ourensáns, así como atraer novas oportunidades.




