O BNG pide no Parlamento o mantemento e reparación da Torre de Sande

Alertan do “deplorable” estado no que se atopa o monumento, en Cartelle

Cartelle | O BNG presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei para a conservación e posta en valor da Torre de Sande. O deputado Iago Tabarés e o portavoz nacionalista neste municipio, Manolo Ferro, reclaman un plan para a recuperación deste monumento, unha demanda que iniciaron en 2020 e que, denuncian, non tivo resposta xa que a torre presenta un estado “deplorable”. Así o constataron nunha visita ao lugar no que constataron o “mal estado de conservación e ameaza de derriba” que presenta a edificación.

“E isto a pesar de ser declarada monumento de Interese Artístico Nacional, Ben de Interese Nacional e de contar coa ‘protección’ da Declaración xenérica do Decreto do 22 de abril de 1949 e da Lei 16/85, do 25 de xuño, de Patrimonio Histórico Español”, matiza Tabarés.

Desde o BNG, engade, “levamos anos advertindo da posibilidade de que a estrutura estea comprometida e con perigo para os visitantes, pois como se pode comprobar a primeira ollada, existen varias gretas nun dos muros”.

O deputado nacionalista lembra que o propio Concello de Cartelle e a Xunta “recoñeceron hai anos o estado de abandono da Torre e admitiron a necesidade de actuar”, pero pasou o tempo e “non consta actuación algunha mentres avanza o proceso de degradación do monumento”, inciden os nacionalistas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.