O BNG Ourense sinala que o soterramento da Praza Concepción Arenal “é fume”

“O anteproxecto anunciado e pagado, non se axusta nin á realidade da zona nin as necesidades existentes”

Ourense | Era decembro de 2020 cando o alcalde Gonzalo Jácome anunciaba a bombo e prato e con toda a solemnidade da que é capaz, un anteproxecto para o soterramento de parte da rúa Pardo de Cela e a Praza de Concepción Arenal co obxectivo de, segundo se anunciaba, “Máis fluidez no tráfico rodado, un espacio adicional de 20.000 metros cadrados libre de coches e un aparcadoiro de 200 plazas fronte ao Pavillón dos Remedios”.

Nesa mesma rolda de prensa, xunto ao autor do anteproxecto Juan Carlos Cabanelas, o alcalde anunciaba que as obras comezarían en 2023 co horizonte temporal para o seu remate no ano 2025.

O certo é que nada se volveu saber daquel proxecto salvo que, tal e como xa denunciou o BNG no seu día, pretendíase incluílo na futura concesión do Servizo de Saneamento e Abastecemento de auga do Concello, actualmente en precario e para o que se reservaba unha inversión superior aos vinte millóns de euros nun contrato no que, segundo os nacionalistas, “había cero euros para acometer obra nova no tocante á rede de saneamento e abastecemento no concello cando a día de hoxe temos núcleos poboacionais enteiros como pode ser o caso de Untes ou Palmés que carecen deste servizo”.

Pero para o BNG o máis chamativo é ver cómo o alcalde volvía sacar este proxecto do caixón na rolda de prensa que ofrecía a semana pasada toda vez os informes técnicos aos que tivo acceso o grupo municipal nacionalista, “son claros e contundentes á hora de cualificar o mesmo”.

Segundo o portavoz municipal Luís Seara, “dos informes técnicos despréndese en primeiro lugar que o anteproxecto encargado e pagado no seu día desenvolveuse sen a existencia dos pregos técnicos e administrativos que delimitaran con precisión o obxecto contractual pretendido”.

De igual forma, tal e como sinala Seara, “o anteproxecto presentado é fume pois ten graves deficiencias pois nin tan sequera sitúa correctamente as redes de saneamento e abastecemento existentes, atribúelle ao Concello infraestruturas que son doutras administracións como é o caso da CHMS e mesmo non ten en conta a lexislación vixente para obras desta embergadura nas proximidades do río Miño”.

O feito de pretender incluír a obra dentro do contrato de concesión do servizo de saneamento e abastecemento é, para Luís Seara, “outro despropósito pois tal e como sinalan os propios servizos xurídicos municipais, o orzamento total de máis de 20 millóns de euros non se corresponde coa realidade, existen informes desfavorables do servizo de aguas, do servizo eléctrico e de medio Ambiente”, e engade, “tampouco se lle pediu parecer, nin autorizacións, á CHMS”.

Para o BNG, “estamos diante dun novo despropósito de alguén que non coñece ou que non vive na realidade. As necesidades no tocante á rede de saneamento e abastecemento son outras, como por exemplo completar a rede ou mesmo renovar a existente”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.