O BNG oponse en Bruxelas á explotación da mina de Doade

Colectivos sociais amosaron a súa negativa ante os proxectos da Comisión Europea

Aldea Global/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou a oposición do Bloque á explotación dos proxectos estratéxicos que pretende impulsar a Unión Europea para satisfacer os seus intereses armamentísticos, entre os que se atopa a mina de Doade.

“É importante ampliar a Rede Natura, protexer os espazos naturais e non permitir un tipo de minería que é altamente contaminante pero sobre todo que está beneficiando á industria armamentística”, subliñou Ana Miranda tras o encontro que mantivo hoxe con distintos colectivos galegos e europeos que denuncian a mina de Doade.

Neste sentido, a eurodeputada galega sinalou que a mina de litio de Doade ten unha “clara oposición veciñal”, non foi transparente a súa tramitación e non se permite o acceso a la información, polo que expresou o compromiso do Bloque a apoiar as denuncias que realicen os colectivas ecoloxistas, así como a “defender que haxa acceso aos documentos”.

Contra o espolio
“Galiza non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses armamentísticos da Unión Europea”, Ana Miranda, tras o encontro, que tivo lugar no marco da ofensiva que o BNG está desenvolvendo en contra da explotación da mina de Doade, e neste sentido a eurodeputada galega xa desenvolveu diversas iniciativas nas institucións europeas, como o envío da carta ao vicepresidente da CE para a Prosperidade e Estratexia Industrial, ademais de visitar a zona da serra de Suído.

Como consecuencia da preocupación do espolio que sofre Galiza, xa no 2023 Ana Miranda presentou un total de 50 emendas no informe da Comisión de Política Rexional da Lei de Materias Primas (Regulación Europea 2023/0079), das que 43 foron incluídas no texto final e se referían especificamente as materias primas que presentan un alto risco de subministración.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.