O BNG estivo presente na Diada 2023 en Barcelona

Coa presenza da eurodeputada Ana Miranda e do presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela

Barcelona | Un ano máis, O Bloque participa nos actos organizados por Esquerra Republicana para conmemorar a Diada Nacional de Catalunya. Serán a eurodeputada Ana Miranda e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, como responsables da área de Internacional da Executiva Nacional do BNG, os encargados de trasladar o apoio do BNG á forza soberanista catalá.

Os actos previstos comezarán mañá, 10 de setembro, coa conferencia “Liberando o noso potencial: o noso dereito á independencia”, que terá lugar no Campus da Ciutadella da Universidade Pompeu Fabra University. Xa o día 11, a primeira hora, Miranda e Cela participarán na ofrende floral diante do monumento adicado a Rafael Casanova, e posteriormente tomarán parte do encontro das diversas organizacións trasladadas a Barcelona para participar no acto político organizado por Esquerra Republicana.

Ademais destes actos, os membros da área de Internacional da Executiva Nacional do BNG tamén teñen previsto manter un encontro coa agrupación local do Bloque de Catalunya, que na súa traxectoria mantén un forte compromiso coa loita desenvolvida polo movemento soberanista e as reivindicacións das nacións sen Estado.

Dereitos dos pobos
Por outro lado, os nacionalistas participaran na conmemoración que hoxe organiza o CIEMEN (Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións)dos 25 anos da Declaración Universal dos Dereitos Colectivos dos Pobos, un texto que defende e promove os dereitos colectivos dos pobos e as nacións sen estado en todo o mundo.

Neste marco, a eurodeputada Ana Mirana participará nunha mesa redonda que se celebrará no Ateneo Barcelonés para analizar a vixencia desta declaración. Nesta charla tamén intervirán Marta Rovira, secretaria xeral de ERC; Igor Zulaika, responsable de relaciones internacionais de EH Bildu François Alfonsi, eurodeputado de Femu en Corsica; Declan Keaney, coordinador nacional do Sinn Fein; Hervør Páldosttir, deputada de Tjodveldi no Parlamento das Illas Feroe; e Yves-François Blanchet, deputado do Bloque Quebecois no Parlamento canadense.

O acto, que será presentado e moderado pola xornalista Rita Marzoa e clausurado polo presidente do CIEMEN, David Minoves, contará coa participación do President da Generalitat, Pere Aragonès, e representantes de diversas organizacións políticas das nacións sen estado.

Denuncian ante o Parlamento europeo a contaminación da mina de San Finx
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia na Eurocámara a contaminación na mina de San Finx, que supón “un risco ambiental, económico e social para unha ría como a de Muros Noia, rica en peixe e marisco”.

Ao seu xuízo estanse incumprindo directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de xeito transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.

Na súa intervención no debate sobre “Contaminantes das augas superficiais e subterráneas”, Miranda lembrou que existe unha petición aberta na Comisión de Peticións da Eurocámara que denuncia a contaminación provocada polos verquidos desta mina. “A pesar dos requirimentos ao Goberno galego de medidas para facer cumprir a lei e resolver así as irregularidades, a pesar das reclamacións na xustiza e da oposición social e política, o Goberno Galego autorizou en febreiro deste ano a descarga de catro millóns de metros cúbicos de augas residuais e efectos contaminantes”, explicou. Como consecuencia desta descarga, a eurodeputada nacionalista sinalou que foron detectados niveis moi altos de metais pesados nas augas “excedendo longamente os niveis máximos permitidos”, como por exemplo cadmio, cobre e cinc.

Suspensión dos verquidos
“Lamentablemente os verquidos levan producíndose durante anos e durante anos contan coa oposición de colectivos sociais e medioambientais e coa advertencia do risco que supoñen por parte do BNG”, sinala Miranda, quen salienta o traballo desenvolvido polo Bloque nas localidades afectadas así como no Parlamento Galego, coa presentación de iniciativas para que o Goberno galego asuma as súas responsabilidades e finalicen os verquidos contaminantes. “É inaceptable que o goberno galego non tome medidas contra a minería contaminante en Galiza”, salienta.