O BNG denuncia a recollida deficiente do lixo no Porriño mentres se triplica o gasto

O Concello do Porriño presume de xestión de residuos cando non está a recoller selectivamente o lixo
O Porriño/BNG |  O Alcalde Nelson Santos e a súa concelleira de Medio Ambiente, María José Martínez, veñen de declarar dentro do Curso de Saúde Ambiental que se está a celebrar no Centro Cultural Municipal do Porriño, que o Goberno Local está a mellorar a xestión dos residuos no noso municipio, cando os servizos municipais do Concello do Porriño non están a realizar en moitas ocasións unha cousa tan básica e fundamental como é a recollida selectiva do lixo.
Despois de ter escoitado numerosas queixas de veciños e veciñas que se dirixiron ao BNG para expresar a súa indignación ante estes feitos, temos comprobado como repetidamente non se realiza unha recollida selectiva do lixo, empregando un mesmo camión para baleirar os contedores de materia orgánica e de envases lixeiros. Do mesmo xeito, a limpeza dos contedores e a frecuencia das recollidas está a ser deficiente, producindo fortes olores e o conseguinte deterioro na calidade de vida da veciñanza.
Desde o BNG consideramos unha tremenda irresponsabilidade por parte do Partido Popular tirar pola borda anos de traballo na concienciación cidadá en materia de xestión de residuos. Os veciños e veciñas ven como o seu esforzo por reciclar e exercer unha cidadanía responsábel e respectuosa co medio non é correspondida por un Goberno Local pouco preocupado polas cuestións medio ambientais, máis alá de declaracións públicas “para a galería”
Incremento de gasto no servizo
No derradeiro pleno ordinario, o grupo municipal do BNG preguntou por escrito sobre o estado do servizo de recollida de lixo. Nas súas respostas, o Goberno Local afirma que o servizo non mudou respecto ao que eles se atoparon ao entrar a gobernar o Concello no ano 2010, mantendo os mesmos medios e un número similar de persoal asignado. Ao revisar os listados de facturación municipal, o BNG comprobou que os gastos destinados ao lixo triplicáronse desde a entrada do PP no Concello. Desde o BNG preguntámonos a que se debe este notábel incremento, e non entendemos como se pode incrementar tanto o custo dun servizo sen melloralo. Máxime cando o goberno de Nelson Santos ven de aprobar un Plan de Axuste que prevé un incremento da taxa por recollida do lixo de entre un 20 a un 25%. O BNG considera insultante que o PP suba os impostos a cidadanía para pagar a mala xestión dun goberno local que privatiza servizos e gasta máis para facer as cousas peor.