
Ourense/BNG | O BNG defenderá no Congreso a mobilización das vivendas baleiras propiedade da Administración Xeral do Estado para incorporalas ao parque público de alugueiro e contribuír a paliar a crise habitacional. Noa Presas exemplificou a situación de abandono que sofre Valdeorras nas vivendas sitas no termo municipal da Rúa que conta con varios edificios e vivendas de titularidade estatal e que levan anos baleiras malia as reiteradas peticións municipais.
Presas sinalou que o caso da Rúa evidencia a necesidade de que o Estado deixe de manter inmobles baleiros mentres a veciñanza ten dificultades para acceder a unha vivenda. “Non ten sentido que haxa vivendas públicas pechadas durante anos mentres hai persoas e familias que precisan dun alugueiro accesíbel. Hai que pasar das palabras aos feitos e poñer todos os recursos públicos existentes ao servizo da cidadanía” afirmou.
Neste sentido, a candidata explicou que o primeiro escano do BNG por Ourense no Congreso situará Valdeorras no mapa político estatal e levará as necesidades da comarca que, ao seu xuízo, leva décadas sen recibir a atención que precisa. “Durante máis de 40 anos, PP e PSOE fóronse alternando na representación de Ourense no Congreso pero os problemas da comarca seguen agardando solucións. O BNG será unha voz propia, con iniciativa e capacidade para poñer enriba da mesa medidas concretas, tanto urxentes como estruturais” reivindicou.
Defendeu que a política de vivenda debe combinar a mobilización dos inmobles públicos baleiros, a ampliación do parque público de alugueiro e a rehabilitación de edificios existentes, especialmente no interior do país, onde hai recursos habitacionais que poderían recuperarse para dar resposta ás necesidades da poboación.
Pola súa parte, a alcaldesa da Rúa e tamén candidata do BNG, María G. Albert, explicou o traballo realizado polo Concello para recuperar vivendas públicas e poñelas a disposición da veciñanza. “Desde o Concello decidimos tomar a iniciativa e dotarnos das ferramentas necesarias. Aprobamos unha ordenanza reguladora da vivenda municipal de alugueiro público e unha ordenanza fiscal que nos permitiu desafectar antigas vivendas da Consellería de Educación, que estiveran destinadas ao profesorado e permanecían baleiras” detallou.
Albert explicou que o Concello xa rehabilitou e alugou dúas destas vivendas e que actualmente está previsto actuar noutras catro para incorporalas tamén ao mercado de alugueiro. “Estamos demostrando que, cando hai vontade de actuar, é posíbel recuperar patrimonio público e convertelo nun recurso útil para a veciñanza. O noso obxectivo é que esas vivendas teñan vida e cumpran unha función social” apuntou.
A alcaldesa puxo como exemplo da falta de resposta da Administración estatal o caso das catro vivendas propiedade de ADIF situadas no centro da Rúa. O Concello leva arredor de catro anos solicitando que se poñan a disposición municipal para destinalas a alugueiro, sen conseguir até o momento unha solución.
A situación repítese con outros inmobles dependentes do Ministerio de Transportes, antigo Ministerio de Fomento. Trátase de tres edificios que suman arredor de vinte vivendas e que permanecen deshabitados desde hai aproximadamente quince anos. “Comezamos a reclamar a súa cesión en 2017 e non tivemos resposta do Ministerio até o ano pasado, cando nos pediron que iniciaramos de novo toda a tramitación. É incomprensible que, despois de tantos anos, sigamos sen poder darlles un uso social a estes inmobles” lamentou Albert.




