O BNG de Parada de Sil denuncia trato de favor a prol dunha concelleira

Cuestiona o proceder do Concello no proceso de cesión do espazo público

Parada de Sil | O portavoz do BNG no Concello de Parada de Sil, Xan Trigo, compareceu diante dos medios informativos para dar conta do que, ao seu entender, “parece un claro trato de favor cara unha persoa vinculada ao actual goberno municipal”.

No pleno que o Concello celebrou o pasado día 28 de setembro, o segundo punto da orde do día correspondíase coa solicitude de cesión do uso da escola de Vilar para destinala a casa do maior por parte de Yolanda García González, actual segunda tenente de alcalde. Desde o BNG critican que neste punto no houbese nin debate nin tampouco votación polo que simplemente foi unha dación de contas “reclamamos máis documentación e información sobre o procedemento seguido por parte do Concello”.

Xan Trigo, afirma que “o que podemos extraer da documentación aportada é que a concelleira é beneficiara dunha subvención da Xunta para a creación dunha Casa do maior e que para desenvolver dita actividade precisa dun local, algo que lle solicita ao Concello”.

O informe de secretaría, afirma que neste caso non faría falta un concurso público ao tratarse dun servizo de interese público e a adxudicación pode ser directa, algo que, segundo Trigo, “en si, xa é raro, e máis raro é que sexa a unha concelleira do goberno”. No BNG denuncian o que consideran un “evidente trato de favor entregándolle un local público de forma gratuíta para desenvolver a súa actividade profesional”.

Xan Trigo deixa claro que, “nós estamos a favor de que se presten servizos tan importantes coma este, pero precisamente pola importancia do mesmo, as cousas hai que facelas ben e coa máxima transparencia e rigor”.

O portavoz nacionalista pregúntase se se vai empregar a mesma vara de medir para toda a veciñanza, salientando que “ao próximo veciño ou veciña que solicite un local público gratis para desenvolver a súa actividade profesional vai ter o mesmo trato de favor que a concelleira ou vánselle pór trabas?”. Na foto Antía Pousa e Xan Trigo, nacionalista na corporación municipal de Parada de Sil.