O BNG de Ourense insta a rematar coa corrupción e o caciquismo en Concello e Deputación

“Votar Jácome é votar a Baltar e votar Baltar é votar Jácome”

Ourense | Na rolda de prensa celebrada esta mañá pola formación nacionalista e na que participou tanto o grupo municipal no Concello como o deputado provincial Bernardo Varela, a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, o primeiro en tomar a palabra foi o candidato á Alcaldía Luís Seara para incidir en que “todo o que está aparecendo estes días, confirma o que o BNG ven dicindo desde o primeiro día neste Concello. Levamos tres anos denunciandoo e agora a xente sorpréndese”.

Seara advirte das consecuencias que todo o que aconteceu e está a acontecer no presente mandato terá para o futuro goberno Local. “Ao vindeiro goberno tocaranos levantar alfombras e analizar en detalle cómo se gastou cada céntimo de euro, e en qué situación quedan as finanzas do Concello. Eu avisei en varios Plenos, e ai están as hemerotecas, que Jácome viña a enriquecerse. Para min non é unha satisfación persoal ter acertado”.

Para o portavoz municipal e candidato, as prácticas levadas a cabo ao longo do presente mandato demostran un modo de proceder pouco exemplar. “Adxudicación a empresas que non foron as máis valoradas, ampliación de prazos para evitar que quedaran fóra, licitacións feitas a medida dunha persoa concretas así como o porqué Jácome tiña tanto interese en mercar os autobuses e os contedores de lixo, xustificando esta cuestión cun informe pagado a un particular, para convencernos que era a mellor operación económica para o Concello, e por tanto para o conxunto das veciñas e veciños cando o normal é que a adquisición estivera ligada á renovación da concesión”.

Para Luís Seara, “tamén é moi revelador, e agora enténdese por qué Jácome, que era un gran defensor da remunicipalización, se convertera da noita para a mañá nun forofo defensor da modelo concesional”.

Para o BNG “é normal que a sociedade ourensá teña dúbidas a respecto de cómo se adxudican os contratos, porque agora mesmo está todo baixo sospeita, por iso é dunha enorme relevancia que a Xustiza actúe con celeridade, para evitar que a campaña electoral quede salpicada pola comisión de presuntas prácticas corruptas”.

Desde a formación nacionalista insisten que diante desta situación “o 28 de maio, xogámonos moito como Concello e como sociedade. A escolla é sinxela, a escolla é entre os que enarbolamos a bandeira da rexeneración política e a decencia, ou aqueles que se agararran á da corrupción”.

Manuel Baltar
Pola súa banda o deputado provincial Bernardo Varela fixo referencia ás iniciativas presentadas tanto na Deputación como no Congreso dos Deputados en relación co presunto delito contra a seguridade vial do presidente da institución Manuel Baltar ao circular a 215 qms cun vehículo oficial.

Varela aludiu ás preguntas rexistradas no Congreso e nas que desde a formación nacionalista solicitan información a respecto de cantos vehículos oficiais da Deputación foron sancionados desde o ano 2019 e os motivos de ditas sancións. En cantas ocasións ten sido sancionado o propio presidente Manuel Baltar desde o 6 de febreiro de 2012 e sempre e cando fose cun vehículo propiedade da Deputación.

No BNG queren saber tamén en cantas ocasións desde o ente provincial non se identificou aos condutores nas sancións impostas así como cal é o importe total pagado con cargo á institución provincial e os concepto das sancións de tráfico desde que Baltar é presidente.

Bernardo Varela afirma que “ao amparo do Regulamento da Deputación, solicitaremos a creación dunha comisión especial de información para que desde o goberno provincial se aclare cal ten sido o uso que se lle ten dado aos coches oficiais e nos que poderíamos estar nalgúns casos diante dun uso fraudulento dos mesmos para actividades privadas, saber cales son as sancións impostas e por outra banda cal é o uso das tarxetas corporativas que poden aclarar onde se atopaban eses coches e cales son os gastos xerados polos mesmos”. Finalmente Varela concorda na necesidade de que a veciñanza fale o 28M tendo claro que “votar Jácome é votar a Baltar e votar Baltar é votar Jácome, polo que votar a calquera candidato ou candidata do PP é, no fondo, votar a Jácome”.

Admisión da denuncia
A preguntas das e dos xornalistas presentes na rolda de prensa, a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés confirmaron que o BNG continuará adiante coa denuncia. “Os nosos servizos xurídicos están neste momento traballando na presentación da querela e na fianza que a maxistrada do Xulgado de instrución nº 3 nos pide para poder personarnos no procedemento como acusación particular”.

No referido ao segundo plantón dado por Baltar á xuiza de Pobra de Sanabria no día de hoxe para ser xulgado por un presunto delito contra a seguridade vial, o deputado Tabarés afirma que “as escusas esgrimidas polo seu abogado son pouco consistentes na medida en que nun procedemento deste tipo ven podería estar representado por un compañeiro de oficio e en todo caso parécenos unha tomadura de pelo e falta de respecto á xuiza”.