O BNG censura a apertura dun expediente de cese ao interventor municipal de Ourense

Atribúeo á “incapacidade manifesta de Jácome quen busca culpables”

Ourense | Logo de coñecerse que o actual goberno municipal ven de abrir un expediente ao interventor do Concello de Ourense para o cese nas súas funcións, o grupo municipal do BNG amosa a súa preocupación diante dunha “persecución e caza de bruxas iniciada polo goberno municipal contra todos aqueles funcionarios que non son dóciles aos seus intereses e que fan o seu traballo con obxectividade e rigor”.

Para o portavoz nacionalista Luís Seara, o anuncio deste mediodía revela a “incapacidade manifesta de Jácome, quen busca, permanentemente, culpables ante a insostible situación económica na que ten sumido ao Concello”, e engade, “resulta curioso que todos os expediente abertos até o de agora vaian dirixidos a funcionarios encargados da xestión económica do Concello, primeiro foi a Tesoureira e agora o Interventor”.

Segundo Seara, “Jácome non entende que o Concello non é Jolper (tenda musical do alcalde) e que polo tanto é necesario cumprir cos procedementos legalmente establecidos polo que non soporta a aqueles funcionarios que, exercendo o seu traballo, algo que por outra banda fixeron sempre, cuestionen e contradigan o que el di”.

Para o grupo municipal do BNG, “o anuncio de hoxe é gravísimo pois o que revela é que o goberno municipal quere cesar á persoa encargada de fiscalizar a acción económica do Concello, sumido nunha situación económica gravísima e que veremos agravada nos vindeiros meses”. Luís Seara ten claro que “o que busca o alcalde é amedrentar ás e aos traballadores municipais para que non o cuestionen en ningún momento baixo a ameaza de, ou facedes o que eu digo ou vos expediento”.