O BNG aposta pola rehabilitación de vivenda na zona histórica de Ourense

A eurodeputada Ana Miranda aludiu á necesidade de contar cun goberno local cun proxecto claro e ambicioso

Ourense | A situación de degradación e abandono da zona histórica é algo que ocupa e preocupa ao BNG de Ourense e así se ten amosado ao longo do presente mandato coa presentación de varias iniciativas en Pleno encamiñadas a revertir unha situación que está a provocar que a día de hoxe haxa preto de 1.500 vivendas baleiras no barrio e que a poboación descendese nos últimos anos en máis de 2.000 habitantes.

Froito desa preocupación, no pasado mes de marzo, unha delegación do BNG encabezada polo portavoz municipal e candidato á Alcaldía Luís Seara, desprazouse a Bruxelas para manter varios encontros con membros das institucións comunitarias, expór a situación da zona histórica de Ourense e coñecer polo miúdo os programas e as axudas ás que o Concello se pode acoller co fin de obter investimentos que permitan mudar a situación actual.

Nese encontro participou activamente a eurodeputada nacionalista Ana Miranda que este venres se desprazou a Ourense para coñecer a situación da zona histórica e para abordar, dando contiuidade a aquela viaxe, todas as posibilidades que desde Europa se ofertan.

Miranda, logo de visitar varias zonas do barrio afirmou que “Ourense ten un enorme potencial para converterse nunha das cidades de vangarda a nivel europeo no tocante á rehabilitación, mobilidade, turismo e mesmo como cidade verde e sustentábel”.

Amosouse sorprendida polo grao de degradación e abandono da zona histórica, con edificios baleiros e en estado ruinoso e con prazas degradadas e totalmente abandonadas e sinalou que “a tendencia xeral nas cidades europeas de similares características a Ourense é a de apostar claramente pola rehabilitación das zonas históricas e pola súa posta en valor a través da revitalización e ocupación das vivendas, algo que contribúe a xerar dinamismo económico”.

Plans europeos
En referencia ao anterior, afirmou que “existen múltiples plans e fondos europeos para acometer a transformación que Ourense precisa”, e engadiu, “cómpre ter un alcalde que pete nas portas das institucións europeas, que presente proxectos serios e rigurosos, en definitiva, cómpre un alcalde que exerza coma tal”. Neste sentido Ana Miranda ten claro que “Luís Seara e o seu equipo é o que Ourense precisa para sair desta situación de agonía, de apatía e de degradación na que se atopa a cidade. No BNG de Ourense hai ganas, ilusión, equipo e proxecto e todo iso é o que Ourense precisa”.

Luís Seara agradeceu a visita de Ana Miranda e puxo en valor o traballo que esta desenvolve desde as institucións europeas. Puxo en valor o traballo feito ao longo do presente mandato desde o Grupo municipal “coa presentación de moitas iniciativas encamiñadas a revertir a situación na que actualmente se atopa a zona histórica, até o punto de levar dita situación a Bruxelas”. Da viaxe realizada á capital comunitaria o pasado mes de marzo, Seara sinalou que “atopámonos cun sinfín de posibilidades de financiamento para o desenvolvemento de proxectos transformadores en materia de rehabilitación, mobilidade e sostibilidade”, e engade, “o que fai falta son proxecto serios e rigorosos”.

De entre as propostas do BNG de cara as eleccións de maio, Luís Seara destacou que “unha das medidas consistirá na adqusición de até dez edificios na zona histórica para a súa rehabilitación e posta a disposición da veciñanza, nomeadamente da mocidade, de vivendas en aluguer e a prezos axustados”. Tamén se comprometeu a aprobar o PEP-OU antes do 31 de decembro de 2023 así como á posta en marcha dunha oficina especializada na captación de fondos europeos.

Incidente Manuel Baltar
Preguntada polos xornalistas presentes polo incidente protagonizado polo presidente da Deputación Manuel Baltar, a deputada Noa Presas sinalou que “desde o BNG insistimos en que as persoas non poden estar por riba das institucións, o acontecido demostra que o PP síntese absolutamente impune, concibindo as institucións como un medio de subsistencia”.

Presas reitera a necesidade de que o PPdeG “ten que posicionarse e ten que reprobar a Baltar e ten que forzalo a dimitir se este non o fai motu propio”, e engade, “levaremos de non ser así a súa reprobación pública ao Parlamento por ter empregado recursos públicos para cuestións que nada teñen que ver coa súa actividade pública e porque xa se demostrou que mentiu cando aludiu a unha suposta axenda”.