O BNG acusa á Xunta de demorar a ampliación da Rede Natura para favorecer ás eólicas

Denuncia a voceira en Bruxelas, Ana Miranda

Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que a Xunta incumpre de forma premeditada as directrices europeas referidas á ampliación da Rede Natura 2000, xa que hai máis de dez anos que ten enriba da mesa as propostas pero aínda non as enviou ao Estado para incluílas no catálogo de espazos protexidos. “Esta é unha mostra máis do desleixo do PP en materia de medio ambiente, e que deixa a Galiza a cola de todo o Estado a respecto da superficie protexida ”, menifesta.

“Desde o BNG agardamos que a apertura de investigación por parte da Comisión Europea serva de revulsivo na necesaria protección do medio ambiente”, salienta Ana Miranda, en referencia ao documento enviado pola CE en resposta a unha pregunta formulada polo Bloque a través do grupo Verdes-ALE, na que reitera que iniciou o ano pasado unha investigación polo incumprimento da Directiva dos Hábitats, que obriga a conservar hábitats e especies de interese comunitario, así como da ampliación da Rede Natura.

Suspensión cautelar
Ademais, no seu documento, a Comisión Europea indica que cando a lista de lugares propostos de importancia comunitaria (LIC’s) da Rede Natura estea incompleta, os Estados membros tamén deberán salvagardar o interese ecolóxico deses lugares que, segundo os criterios científicos, deberían figurar no listado completo. En consecuencia, Ana Miranda subliña que esta situación afecta aos proxectos de parques eólicos que o goberno pretende instalar nas proximidades das zonas protexidas, aproveitando que eses terreos aínda non están incluídos na Rede Natura.

Co obxectivo de evitar o deterioro de eses espazos, o Bloque reclama a suspensión cautelar da instalación de todos os proxectos de parques eólicos, xa que precisamente os proxectos existentes contemplan a súa ubicación en espazos da Rede Natura ou en lugares próximos a ela que debían estar na incluídos na súa ampliación. E por iso que o BNG presenta iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso e no Europeo relacionadas con todos os proxectos que supoñen un ataque tanto ao medio natural como patrimonial.

Precisamente s portavoz do BNG en Europa xa trasladou diversas iniciativas á Comisión Europea relacionadas coa instalación de varios parques eólicos, un deles no monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos coruñeses de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica-; 16 que se están a tramitar ao longo da Serra do Suído, Faro de Avión e Alto Tea, -entre as provincias de Ourense e Pontevedra-; así como os tres proxectos previstos na provincia de Ourense -Rebordechao, Prada e Barjas-.

“En todos estes casos están en serio perigo espazos protexidos ou lugares propostos de importancia comunitaria”, defende Ana Miranda, quen destaca que segundo a Directiva de Hábitats é imprescindible unha avaliación completa das repercusións dos proxectos completos e non de xeito fraccionado, como se está facendo. De esta forma a Directiva indica que o “plan ou proxecto só deberá autorizarse se a avaliación conclúe que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!