Hai días nos que a política galega xera un fondo sentimento de abraio. O acordo do pasado 24-S entre e o Partido Popular de Galicia e un PSdeG en plena deriva e sen rumbo estratéxico non é un pacto pola lingua: é a constatación dunha rendición incondicional. A razón de fondo non se recoñece de certo, mais hai quen a albisca, vencellándoa á cobertura da Vicevaledoría do Pobo a propor dende a oposición parlamentaria, como á distribuciòn das vacantes nos Consellos de Contas, Consultivo e de Administración da CSAG (antiga CRTVG).
Verdadeiramente a montaña do bipartidismo estéril pariu un rato cego. Porque o acordo non só non responde á urxente emerxencia lingüística constatada polos devastadores datos do Instituto Galego de Estatística-cunha perda sen precedentes de falantes habituais na infancia-, senón que se converte na tapadeira perfecta para branquear o Decreto do plurilingüismo do ano 2010. Aquel Decreto 79/2010, deseñado para derrogar o Decreto 124/2007 proposto pola conselleira socialista Laura Sánchez Piñón (que garantía un mínimo de uso vehicular do galego do 50%; non un máximo do 50%) e para esnaquizar o consenso histórico do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Aquel Decreto de plurilingüismo aprobouse daquela contra vento e marea, coa oposición frontal do ensino, da cultura e do propio PSdeG. Hoxe, a dirección socialista de Gómez Besteiro abraza o teito ríxido do máximo do 50% (33% nos centros plurilingües) e a arquitectura ideolóxica do Partido Popular.
O PSdeG de hoxe non só ven de renunciar á inmersión educativa que precisan as nosas crianzas e mocidade, senón ao principio elemental da discriminación positiva, equiparando o trato dúas linguas absolutamente desiguais canto ás súas protección normativa estatal e saúde social de base. Neste contexto, ninguèn, agás a organización extremista Hablamos Español (que prefire para o castelán usalo nas materias humanísticas e sociais no canto das matematicas, física e tecnoloxía) considera positivamente a eliminación da prohibición expresa de ensinar matemáticas e física en galego, abenzoando a conxelación do galego como lingua subordinada, trasladándolles a elección dos bloques de materias a impartiren en cadansúa lingua a uns claustros escolares orfos de recursos e bloqueando unha presenza real do galego como lingua vehicular nas escolas infantís das contornas urbanas.
“O PSdeG de hoxe non só ven de renunciar á inmersión educativa que precisan as nosas crianzas e mocidade, senón ao principio elemental da discriminación positiva”
A contestación social e institucional é total. Desde as críticas máis moderadas da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega (ás que, como Institucións, non se lles pode esixir rachar co diálogo coa Xunta e coas forzas políticas asinantes) que denunciaban a ausencia de simetría no estado actual das dúas linguas e a evidente “insuficiencia” do acordo, até as críticas rotundas da totalidade dos sindicatos do ensino (CIG-Ensino, STEG, CCOO e a propia UGT, todas elas integradas na plataforma Lingua Vital e promotoras da recente ILP presentada perante o Parlamento hai poucos días ) e da Confederación das Anpas Galegas.
Máis aínda, no seo do propio PSdeG a indignación é moi potente. Voces de peso do sector galeguista, como o exdeputado estatal e membro da Comisión Executiva Nacional, Xavier Carro, denunciaron este acordo como traizón aos principios fundacionais do galeguismo socialista. O anoxo é evidente tamén entre os membros vencellados á antiga dirección de Gonzalo Caballero, que critican unha executiva sen compás ideolóxico que esfarela o patrimonio político propio coa única fin de acadar o osíxeno institucional da maioría absoluta de Alfonso Rueda.
Outravolta o PSdeG amosa carencia dun proxecto de país, canda a súa submisión á estratexia do PP e a súa incapacidade de exercer como alternativa real. Nun momento fulcral no que o galego precisa de intelixencia, afouteza, visión de Estado e políticas públicas de restitución, a dirección do PSdeG preferiu a comodidade do despacho, a foto da sinatura e determinados froitos colaterais que máis cedo ca tarde serán coñecidos. O galego precisaba do compromiso vital do PSdeG, non da súa deserción cando cumpría amosar o seu compromiso.





