O Barrio do Hospital de Monforte terá parque

No mes de xullo poderían estar rematadas as obras

Monforte de Lemos | José Tomé, alcalde de Monforte, visitou as obras do Parque do Barrio do Hospital “onde comprobamos que avanzan a bo ritmo, logo de que as adxudicáramos á empresa Calfensa Proyectos S.L., polo incumprimento da empresa que fora inicialmente a adxudicataria das mesmas”.

As obras para rematar o novo parque foron adxudicadas á empresa Calfensa Proyectos S.L., por un importe de 590.347,87€, e que esta empresa retomou as actuacións a principios do mes de abril dende o punto en que o deixara a anterior empresa adxudicataria, que non cumplira coa execución de ditas obras no prazo establecido, rescisión que fora ratificada polo Consello Consultivo de Galicia.

O alcalde informa, neste senso, que “a extracción de terras así coma a construción do muro de contención de pedra de granito xa están rematados”.

Do mesmo xeito, “xa se levou a cabo a construción da base de cemento da plataforma que sustentará o futuro Parque de xogos infantis, estrutura sobre a que irá ubicado o céspede artificial e o pavimento de caucho absorvedor de impactos, para garantir que os pequenos non se manquen”.

Polo tanto, destacou José Tomé, “as obras avanzan ó ritmo previsto, e se todo segue desenvolvéndose segundo o planificado, no mes de xullo poderían estar rematadas as obras”.

A previsión é que ó longo do mes de xuño serán colocados os elementos de xogo do Parque Infantil, mobiliario así como a súa valla perimetral. Do mesmo xeito, tamén restará por conformas os paseos do Parque do Barrio do Hospital, así como o resto de zonas verdes e o novo estacionamento.