O audiovisual “Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer” foi presentado en Montederramo (Ourense)

Amosa a riqueza histórica, rural e patrimonial deste territorio

Montederramo | Manuel Baltar, presidente da Deputación, destacou, na estrea da produción audiovisual “Ribeira Sacra, onde todo pode ocorrer”, dos artistas Queiman e Pousa, a visión que tiveron eles e moitos dos que os precederon, como os “sete tolos” (en referencia ás sete persoas que impulsaron a creación da denominación de orixe Ribeira Sacra) e Eduardo Barreiros, “para contribuír a promocionar este territorio, berce de xente loitadora e valente, unha contorna á que seguiremos apoiando para seguir potenciando a súa identidade como destino universal”.

“O acto, celebrado no Mosteiro de Montederramo, tivo como obxectivo presentar esta produción audiovisual que difunde a riqueza histórica, natural, rural e patrimonial da Ribeira Sacra”

O acto, celebrado no Mosteiro de Montederramo, tivo como obxectivo presentar esta produción audiovisual que difunde a riqueza histórica, natural, rural e patrimonial da Ribeira Sacra. Trátase un vídeoclip promocional, un documental, 21 vídeos promos de adegas e cinco making of.

Todo elo para que o territorio que é candidato a Patrimonio Mundial pola Unesco “fomente as súas excelencias naturais, etnográficas, culturais e do patrimonio histórico-artístico que posúe”, comentou o presidente da Deputación. A obra conta coa colaboración de institucións, concellos e adegas, para poñer en valor a riqueza interior e rural da Ribeira Sacra.

O presidente da Deputación fixo un repaso ao proceso para poder acadar o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade da Unesco para a Ribeira Sacra e lembrou que desde aquel 9 de setembro de 2013 en que convocou aos alcaldes dos concellos ourensáns da Ribeira Sacra e logo sumou o apoio do, daquela, presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, “todo seguiu o seu curso e agora queda agardar que esa distinción se faga realidade, o cal lle dará maior pulo a este territorio”, expresou Baltar no discurso de clausura do acto.

Antonio Rodríguez, alcalde de Montederramo, apelou “á necesidade de seguir promocionando á Ribeira Sacra para conseguir fixar nela máis poboación”, e José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, salientou “o orgullo de sentirmos partícipes dun territorio ao que o sector do viño soubo aglutinar ao redor dun gran proxecto”.

Tamén a ese “efecto unión” se referiu César Parente, vicepresidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, afirmando que Ribeira Sacra son sentimentos, emocións, pero sobre todo xentes e máis de 500 empresas vinculadas ao sector turístico, que traballan cada día para facer máis grande esta contorna”.

Proxecto audiovisual
A produción presentada é un proxecto da produtora Queiman e Pousa. A sinopse trata sobre o papel dunha empresaria do mundo do viño (interpretado por Andrea Pousa) que dirixe unha adega de éxito e que goza do seu tempo de lecer nos distintos espazos emblemáticos da Ribeira Sacra.

“A sinopse trata sobre o papel dunha empresaria do mundo do viño (interpretado por Andrea Pousa) que dirixe unha adega de éxito e que goza do seu tempo de lecer nos distintos espazos emblemáticos da Ribeira Sacra”

Este personaxe experimentará ensoñacións onde a mitoloxía, lendas e historia serán partícipes: Fadas, romanos e monxes, daranse cita nun enclave único e máxico.

Dirixido por Eugenio Cortegoso, o traballo pon en valor o capital románico rural e homenaxea aos viticultores que manteñen a tradición dunha práctica heroica polos socalcos fluviais, ademais de fomentar o turismo da zona e promover a afluencia de visitantes.

A proposta foi rodar un vídeo musical para promocionar a Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio Mundial da Humanidade. Cos acordes de Canto á Ribeira Sacra, interpretado por Andrea Pousa e Bruxo Queiman, a produtora xa demostrou, a través das redes sociais, que esta estratexia de marketing funcionou para acceder a un público moderno, mozo e moi interesado na cultura.

Este traballo elaborado xorde para dar continuidade ao primeiro vídeoclip que se realizou en 2018, onde se mostra unha Galicia emigrante dos anos 60, cando non se percibía a riqueza cultural e rural agochada no interior do territorio. Esta segunda parte amosa a comunidade moderna e sostible que é hoxe en día.

Con este obxectivo, recoñecen e destacan o labor dos adegueiros que construíron o mundo da xa famosa viticultura heroica, así como das persoas que emprenderon un produtivo negocio neste destino.

Entre o reparto destaca a presenza de Antón Durán Morris, actor estrela convidado que interpreta a un xeneral romano que percorre estas terras cos seus soldados (representado pola Garda Pretoriana de Lugo).

Bruxo Queiman é o actor encargado de levar a cabo o papel de monxe, un personaxe que fará un percorrido polos mosteiros e igrexas máis relevantes da Ribeira Sacra como son os mosteiros de Montederramo, Santo Estevo, Mosteiro San Pedro de Rocas e Divino Salvador, a Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño e a Igrexa de Santa Cristina de Parada de Sil.

Tamén se resalta a beleza dos miradoiros de Parada do Sil, Matacás, Pena do Castelo, Cabo do Mundo e Vilouxe, así como a praia da Cova, o embarcadoiro de Santo Estevo, a fervenza do Cachón, a ponte medieval da Teixeira e Castro Caldelas, declarado como un dos pobos máis bonitos de España.

No vídeoclip tamén se resalta o traballo das mulleres no mundo vitivinícola, tanto na man de obra como nas decisións empresariais. Por iso, a protagonista é unha muller, interpretada por Andrea Pousa, que defende e reivindica a súa labor nun terreo que aparentemente só é de homes.

Asemade, destácase como comezou o renacemento da Ribeira Sacra, a través da creación do Consello Regulador da Denominación de Orixe, con entrevistas aos propios protagonistas, aos “sete tolos”, como se definen, que lle deron luz verde á denominación: Evaristo da Cova, César Cachín, Jose Manuel Décima, Manolo de Quiroga, Pepe “O Gafas”, Suso Verao e Luis Chemari.

“Asemade, destácase como comezou o renacemento da Ribeira Sacra, a través da creación do Consello Regulador da Denominación de Orixe”

A partires de todo o material, elaboráronse 21 vídeos promocionais para as adegas e concellos participantes no proxecto, co obxectivo de que cada un teña un maior protagonismo e se resalte o máis especial de cada zona. A rodaxe tivo lugar durante dúas semanas, en setembro de 2020, na época da vendima.

Outros artigos