O alcalde e membros do COAG abordan coa xefa provincial de Costas a convocatoria do concurso de ideas sobre o fronte fluvial do Miño

Cristina Paz-Curbera confirma que non é preciso un informe previo do seu departamento e pon a dispor a cartografía coa que contan

Tui | Co obxectivo de avanzar na convocatoria dun concurso internacional de ideas para reordenar o fronte fluvial do río Miño entre a vella Ponte Internacional e a alameda de San Domingos o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, reuniuse hoxe coa xefa do servizo provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, e co presidente da delegación do COAG, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo, Antonio Davila, e o vogal da Xunta de Goberno do COAG, Simón Pereiro.

No encontro de hoxe a xefa provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, amosou a disposición do seu departamento de facilitar ao COAG a cartografía da que dispoñen, escala 1/1000. Ao tempo confirmo ao alcalde que Costas con carácter previo á convocatoria do concurso non ten que emitir ningún tipo de informe.

Tal e coma avanzou hai uns días o rexedor tudense dende o concello plantéxase esta convocatoria tendo en conta que o río é un dos grandes activos que ten Tui, entendendo que “hai un gran potencial na mellora da interrelación dese espazo coa cidade e xerar máis valía urbana e en calidade de vida para os tudense, e converter o río en fonte de riqueza e benestar”. Ao tempo sinalou Carlos Vázquez Padín que se trata de “aproveitar moito mellor o potencial que nos da o río Miño” polo que esta convocatoria suporá unha gran oportunidade para Tui xa que posibilitará que arquitectos e enxeñeiros acheguen as súas propostas para este espazo entre a vella ponte internacional e a alameda de San Domingos.