
Ourense | O Consistorio do Pereiro de Aguiar recibiu a dúas das grandes promesas da Escola Atlética Ben-Cho-Shey, que está a dinamizar a práctica deportiva desde este Concello. Foron Lara Pereira e Lara López, xa coñecidas polos seus óptimos resultados a nivel autonómico e tamén no panorama estatal.
Lara Pereira lanzadora de xavelina da xeración do 2009, logrou situarse no número un do ránking autonómico sub-18, así como campioa galega. Este mesmo ano tamén foi sexta no nacional de inverno, alén de formar parte cedida ao Sanysec Club Ourense Atletismo, que dominou a liga Iberdrola e subiu á División de Honra feminina. Ademais foi convocada para o Campionato de España sub-18, a finais de mes en Castelló, alén de ser recoñecida pola Xunta de Galicia como “persoa deportista de alto rendemento”.
Lara López é unha versátil atleta que logrou medallas autonómicas en cros, 50, 60, 500 e 1.000 metros, alén de converterse nunha exitosa saltadora de lonxitude, participando tanto correndo como saltando en campionatos de España sub-16, oitava na segunda disciplina, na que tamén participou do citado éxito do Atletismo Ourense, na liga nacional de clubs. Na foto o alcalde do Pereiro, Luís Menor, coas deportistas na entrada á Casa Consistorial.




