O alcalde decreta o peche da ponte sobre o río Cabe en Monforte

Unha constructora procederá á súa reparación con seguridade

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, decretou o corte total do tráfico na ponte sobre o río Cabe na parroquia de Piñeira, co obxecto de garantir as debidas condicións de seguridade, tanto para a reparación da deficiencia que afecta a un dos seus piares, como para os vehículos e persoas que transitan sobre a mesma.

Esta decisión foi adoptada logo de recibir o informe presentado con data de hoxe, 30 de xuño, pola empresa Extraco SA, que foi contratada onte para levar a cabo as obras de aseguramento desta ponte e de reparación da deficiencia sinalada, informe no que sinala que é necesario “proceder urxentemente a ordenar o corte total do tráfico peonil e rodado sobre a estrada que transita pola ponte sobre o río Cabe na parroquia de Piñeira”.

Do mesmo xeito, a Policía Local procedeu a cortar xa o tráfico da ponte e a reestructurar o tráfico alternativo, mentres duren os traballos de reparación do piar e de revisión da ponte.
A sinalización de prohibición de tránsito pola ponte xa está instalada, e a sinalización periférica colocarase pola zona da ponte nas vindeiras horas, co obxecto de informar tanto ás persoas como os condutores de vehículos dos desvíos correspondentes.

En concreto, instalaranse paneis informativos de tráfico cortado a persoas e vehículos pola ponte, nos seguintes puntos: Na entrada á pista de Piñeira desde a estrada de Ourense. No cruce de Piñeira na N-120A, sentido saída de Monforte. No cruce de Piñeira na N-120A, sentido entrada a Monforte. No punto de entrada á propia ponte ponte pola marxe norte No punto de entrada á propia ponte ponte pola marxe sur. No punto de entrada a Piñeira desde a estrada de Sober. No cruce de Piñeira en estrada de Sober, sentido entrada a Monforte. No cruce de Piñeira en estrada de Sober, sentido saída de Monforte.

Outros artigos