O alcalde de Monforte recibiu o premio “Vasoira de Platino”

Recoñece a Monforte coma unha das cidades máis limpas de España

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, recolleu na tarde de hoxe en Madrid o premio Vasoira de Platino 2021, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS) no marco da Feira TECMA, Feria Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, que se celebra en IFEMA do 14 ó 16 de xuño.

A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás cidades que apoian, premian e difunden o bo saber facer da xestión dos residuos e da limpeza urbana, así como pola elaboración de proxectos e polo desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sostible do medio ambiente.

O alcalde salienta que “este galardón supón a culminación do traballo ben feito por parte deste goberno municipal dende que comezamos a nosa xestión en 2015. A nosa firme aposta polas boas prácticas medioambientais e pola sostenibilidade do noso municipio foron recoñecidas e valoradas polos responsables de outorgar este premio, polo que estamos moi satisfeitos co mesmo”.

Este premio foi outorgado ó Concello monfortino como recoñecemento ás melloras levadas a cabo nos últimos anos no servizo de recollida selectiva, a través da implantación de novas áreas de aportación e novos puntos de recollida porta a porta, así como pola posta en marcha de novos servizos, como o de decapado de pavimentos ou o desbroce en vías municipais.

O certame celébrase desde 1987, cando foi convocado pola UE no Ano Europeo do Medio Ambiente. Monforte xa recibiu previamente a Vasoira de prata e a Vasoira de Ouro, circunstancia que lle permitiu participar na categoría de Vasoira de Platino, e finalmente acadala. Por outra banda, o Concello monfortino conta, nos días nos que se está a desenvolver TECMA, cun stand propio dende o que se da a coñecer ós visitantes as actividades que en materia medioambiental ven desenvolvendo o Equipo de Goberno monfortino ó longo dos últimos anos.

2,1 millóns de euros en melloras no servizo de limpeza
Durante o pasado ano 2021, o goberno local foi desenvolvendo un plan de mellora para servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade, froito das negociacións do alcalde coa empresa FCC Medio Ambiente, adxudicataria do servizo, tras a renovación entre o Concello e esta empresa do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

As melloras máis destacadas postas en marcha dende principios deste ano 2021, supuxeron a renovación de 297 papeleiras da cidade, por 43.938 euros, a instalación en todo o Concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros (298.817,59 €), a adquisición de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, cunha inversión de case 915.000 euros (914.611,38) e a mencionada renovación dos colectores soterrados destinados a recollida selectiva, a través da implantación de 36 novos colectores de carga superior, que supuxeron un incremento na capacidade total de recollida de 19.000 litros, e para o que se destinou unha inversión de case 240.000 euros (239.170,74 €), e a adquisición de novos camións de recollida de lixo, por 635.442,42€.

O alcalde recordou que “coa posta en marcha destas liñas de acción superamos os 2,1 millóns de euros (2.131.080,13 €) en melloras desenvoltas polo Concello de Monforte no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade”.

Innovacións
O xurado da asociación ATEGRUS valorou, entre outras, as seguintes innovacións realizadas no servizo, que foron as que posibilitaron que Monforte de Lemos acadara o recoñecemento de Vasoira de Platino.

Dunha banda, a posta en marcha de novo servizo de desbroce de camiños, grazas á adquisición dun tractor con brazo desbrozador New Holland para realizar o mantemento das marxes dos camiños de titularidade municipal, así como parcelas de propiedade municipal.

Por outra banda, tamén se desenvolveu un novo servizo de decapado de pavimentos, coa compra dunha nova máquina decapadora que, mediante a aplicación de auga quente a presión elimina a suciedade incrustada nos pavimentos, devolvéndolle o seu aspecto orixinal. O Concello monfortino, levou a cabo nos últimos anos, una mellora significativa no servizo de recollida selectiva, mediante a implantación de novas áreas de aportación e renovación dos colectores soterrados, xunto coa implantación do servizo de recollida de cartón porta a porta de papel e cartón a empresas e negocios da cidade.

Tomé destaca que “coa concesión da Vasoira de Platino dende o Concello de Monforte vemos premiada a nosa xestión, que supón a mellora continua do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, polo que creo que somos un referente en cidades de pequeno tamaño a nivel autonómico e nacional”. “Monforte é hoxe unha das cidades máis limpas de España e para nós é un orgullo que se recoñeza e premie a nosa labor”, concluíu o rexedor monfortino.

Outros artigos