O alcalde de Monforte ensalza a consolidación do Polígono do Reboredo

Vendéronse 12 parcelas en 3 anos e estuda unha posible ampliación

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte e a Xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo Doce, reuníronse no Concello para analizar os últimos avances logrados no Polígono industrial de O Reboredo, un dos 13 que xestiona en Galicia esta empresa pública, dependente do Ministerio de Transportes.

Na roda de prensa expresaron a súa satisfacción pola dinámica do polígono nos últimos tres anos, que permitiu que só queden 8 parcelas dispoñibles, trala venda de ata 12 parcelas nese período. O exercicio 2021, sinalaron, demostrou a consolidación do área industrial de Reboredo no que se pecharon tres operacións de preto de 30.000 metros cadrados de superficie por importe de 349.000 euros.

En concreto, dunha parcela de 14.039 metros cadrados e outras dúas, de 7.004 e outra de 7.908 metros cadrados. De momento, por cuestión de confidencialidade e de respecto empresarial, non se informará dos nomes dos compradores, ata a formalización efectiva ante notario.

Beatriz Sestayo incidiu en que os datos reflexan que “Monforte ten presente e moito futuro”, cun polígono exemplo de “motor de dinamización económica e da esencial creación de emprego”.

“Beatriz Sestayo incidiu en que os datos reflexan que ‘Monforte ten presente e moito futuro’, cun polígono exemplo de ‘motor de dinamización económica e da esencial creación de emprego”

“Dende o Ministerio de Transportes ao que pertencemos como empresa pública démonos conta de que a industria é un motor e corresponde ás administracións públicas servir como motor de emprego e Monforte cumpre todos os requisitos para que isto pase e está pasando”, subliñou a xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico”.

Sestayo reivindicou que, pese á parálise e ó temor empresarial xerado tras a pandemia, “Monforte segue sendo un polígono atractivo”, grazas “á xestión e a moitas negociacións que se están a facer tanto dende o Concello como dende SEA”. A xerente do SEA avanzou que, pese á discreción precisa en toda negociación empresarial, durante este exercicio 2021 pecharanse novas operacións de venta nas parcelas dispoñibles.

“A sinerxia positiva é unha realidade e está consolidada, non é unha casualidade, estamos ante un dos polígonos máis atractivos dos últimos anos e dende SEA e o Ministerio imos facer todo o posible para seguir axudando”, remarcou.

Ampliación
José Tomé Roca subliñou que o “Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 qm da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do noso ámbito territorial”, destacando a “boa saúde” coa que na actualidade conta este polígono, grazas “á venda de moitas parcelas e estando en proxecto varias construcións industriais para darlle ese uso industrial para o que están concebidas”.

“Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 qm da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do noso ámbito territorial”

O mandatario monfortino engadiu que “dende que eu son alcalde, dende que en Madrid goberna Pedro Sánchez, e dende que o SEA está xestionado por Beatriz Sestayo, vendéronse dende 2018, 12 parcelas. Por iso, dende o Concello ímoslle prantexar a Suelo Empresarial del Atlántico a necesidade da ampliación do Polígono do Reboredo para cubrir a demanda actual, e ó mesmo tempo, proxectalo cara o futuro.”

José Tomé indiciu en que “por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de melloras moi relevantes, que teñen que ver co aumento do desenvolvemento urbano e tamén coa mellora do saneamento integral do Polígono”.

O rexedor municipal concluíu facendo súas as verbas “dun empresario moi activo do polígono” afirmando que “dun xeito moderado, Monforte vai volver a entrar nunha etapa de crecemento: crecemento industrial, crecemento económico, crecemento do emprego, e polo tanto, un crecemento socioeconómico no seu conxunto”.

Outros artigos