O alcalde de Castrelo de Miño, único candidato a unha praza da Deputación de Ourense

Outros dez aspirantes optaban á praza de auxiliar técnico agrícola

Castrelo de Miño | O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos Pérez (PP), é o único candidato a ocupar a praza de auxiliar técnico agrícola da Deputación de Ourense. Dos once candidatos presentados inicialmente á oposición, Avelino Pazos é o único que pasou á fase 1 do proceso, converténdose agora mesmo no único que pode gañar a praza. Así o denunciou este luns o BNG de Castrelo de Miño, que fala de “presunto caso de enchufismo na oposición”.

“Desde o BNG sabiamos das súas moitas habilidades para trampear no Concello, pero descoñeciamos esta faceta de convencer aos do PP de Ourense para que lle volvesen a amañar un concurso oposición”, engade a forza nacionalista.

Lembra o BNG que en Castrelo o alcalde elabora unhas bases nas que os propios traballadores deste Concello “saen totalmente desfavorecidos, puntuando só dous anos e medio de antigüidade laboral e non tendo máis puntuación por traballar no Concello”, sinalan os nacionalistas. De modo que “os señor Pazos benefíciase dunhas bases feitas pola Deputación, e para os seus traballadores elabora unhas prexudiciais”.

Aínda que ata o xoves, 9 de febreiro, non se resolverá a oposición en cuestión, o BNG de Castrelo de Miño xa dá por seguro que Avelino Pazos obterá a praza.