Novas pistas nos manuscritos de Rosalía de Castro obrigan a repensar cando escribiu parte da súa obra

O investigador Diego Rodríguez defendeu que as circunstancias económicas e as estratexias editoriais da familia ofrecen claves para interpretar a historia material dalgunhas das súas obras

Santiago de Compostela | Repensar cando escribiu Rosalía de Castro algúns dos seus textos e diferenciar ese momento da data na que finalmente foron publicados foi o eixo do seminario Para unha reconsideración da cronoloxía interna da escritura rosaliana, impartido esta tarde por Diego Rodríguez González, membro correspondente da Real Academia Galega, dentro da programación da Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela.

Rodríguez reuniu no seminario diferentes liñas de investigación desenvolvidas durante a última década mediante a metodoloxía da bibliografía material e presentou os resultados da análise caligráfica de distintos manuscritos, apoiada no seu traballo previo de identificación e caracterización da letra de Rosalía. Entre os asuntos estudados figuran a intervención de Manuel Murguía na poesía rosaliana, a autoría material de distintos manuscritos, a dirección das autotraducións, a presenza da literatura europea e española nas novelas da autora ou a xénese do prólogo de Cantares gallegos.

Un manuscrito escrito pola man de Alejandra Murguía
Un dos resultados expostos por Rodríguez afecta ao manuscrito doado á cidade do Porto por Gala Martínez de Castro, última descendente da poeta. A análise comparativa da caligrafía realizada polo investigador permite concluír que o texto non foi manuscrito por Rosalía, senón pola súa filla Alejandra Murguía.

A identificación parte dos estudos desenvolvidos por Rodríguez para delimitar con maior precisión a letra de Rosalía e diferenciala da doutras persoas do seu ámbito familiar. Para a comparación do documento conservado no Porto, o investigador traballou coa reprodución incluída en Homenagem a Rosalía de Castro, que considera suficiente para realizar a análise caligráfica, á espera de poder dispoñer tamén dunha nova imaxe do manuscrito solicitada a Portugal.

Esta conclusión permite revisar a interpretación do documento e abre, á súa vez, outra cuestión diferente: como explicar a súa datación e en que contexto se produciu a copia realizada por Alejandra. Rodríguez sitúa esta cuestión no marco dos esforzos da familia por obter rendemento da actividade literaria de Rosalía nos últimos anos da vida da autora. Neste punto, o investigador insiste en que non se trata dunha falsificación nin dunha vontade de engano, senón que propón interpretar a actualización da data no contexto dunha posible estratexia editorial.

Este contexto económico e familiar constitúe, de feito, unha das claves da súa proposta. Para o investigador, introducir estas circunstancias na análise non empequenece a Rosalía escritora, senón que contribúe a explicar mellor a magnitude do que conseguiu. En palabras de Rodríguez, esa “loita pola vida” axuda a entender “esa sorte de milagre coa que contamos en Galicia, esa poeta popular e sofisticada, novelista exemplar e extraordinaria escritora de diálogos, improvisadora e hábil estruturadora dos seus libros, lixeira e profundamente metafísica”.

De Cantares gallegos a Follas novas
A reconsideración cronolóxica afecta tamén á relación entre os grandes poemarios rosalianos. Cantares gallegos inclúe nas súas páxinas preliminares a indicación de “Primeira parte”, malia que nunca apareceu unha segunda, mentres que investigacións recentes sobre a materialidade do volume apuntan a que o prólogo, fundamental para interpretar o libro, foi incorporado posteriormente.

Rodríguez relaciona estes indicios co carácter heteroxéneo de Follas novas e coa existencia de poemas deste libro en versión castelá. A súa análise lévao a explorar a hipótese de que parte da poesía intimista que acabaría desembocando en Follas novas fose cultivada inicialmente en castelán, nunha liña que conectaría con obras anteriores como La Flor e A mi madre. A consecuencia é unha imaxe menos lineal da creación rosaliana: fronte a unha sucesión pechada de libros perfectamente delimitados polas súas datas de publicación, emerxe un proceso creativo máis longo, con materiais que evolucionan, se reorganizan e atopan finalmente acomodo en proxectos editoriais diferentes.

Os “cuentos extraños” que Murguía incluíu na bibliografía de Rosalía
A narrativa introduce tamén interrogantes nesta reconstrución. Arredor de 1863, Manuel Murguía incluíu no Diccionario de Escritores Gallegos, dentro da bibliografía de Rosalía, un conxunto de “cuentos extraños” que presentaba como inéditos. A referencia introduce outra incógnita na reconstrución da cronoloxía da narrativa rosaliana: que foi daqueles textos e que relación poden gardar coas obras que chegaron posteriormente á imprenta. Esta pista súmase ás que Rodríguez emprega para propoñer unha revisión dunha cronoloxía que non sempre pode reconstruírse atendendo unicamente ás datas de publicación das obras.

Volver tamén sobre as interpretacións clásicas
O investigador defendeu igualmente a conveniencia de revisar determinadas achegas históricas da crítica rosaliana sen asumir automaticamente nin as interpretacións máis antigas nin as súas posteriores contestacións. “Na crítica rosaliana obsérvase un movemento pendular”, sinalou, antes de lembrar os cambios que experimentou a imaxe crítica da escritora ao longo do tempo: desde unha Rosalía considerada esencialmente intuitiva ata a reivindicación da súa ampla cultura; desde as interpretacións que a subordinaban intelectualmente a Murguía ata aquelas que separan por completo ambas as figuras.

Para Rodríguez, “non se trata por suposto de buscar o termo medio en cada conflito, o que sería inxusto, pero si de revisar que porción de verdade hai en cada achega”. Nese sentido, reivindica a utilidade de regresar criticamente a investigadores anteriores e recuperar aquelas hipóteses que os novos indicios permitan reconsiderar.

Outra lectura de En las orillas del Sar
Un dos puntos con maiores implicacións interpretativas afecta a En las orillas del Sar. A lectura deste poemario estivo condicionada historicamente pola coñecida declaración de Rosalía de que non volvería escribir en galego. Rodríguez considera necesario revisar a relación cronolóxica entre aquela declaración e a elaboración do libro.

“Eu discordo da interpretación que María Victoria fixo desta carta”, sinalou o investigador a propósito dunha misiva recuperada pola estudosa María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. “Considero que é unha casualidade que as dúas cartas se escribiran ás portas de En las orillas del Sar. E creo que hai unha argumentación baseada na cronoloxía que xustifica a miña discrepancia”.

A proposta presentada pasa por recuperar tamén testemuños de Murguía segundo os cales En las orillas del Sar recompilaría materiais elaborados por Rosalía en diferentes etapas da súa vida. O exame dos manuscritos conservados constitúe outro dos indicios que sustentan esta posibilidade.
Rodríguez considera que cómpre volver prestar atención ás declaracións de Murguía cando recoñece que unha parte fundamental da obra estaba escrita anos antes da súa publicación. “Eu creo que podo aportar indicios bastante fortes de que foi así. Desde a bibliografía material, pero tamén desde certas análises estilísticas”, afirmou.

Unha Rosalía menos lineal e máis complexa
A reconsideración proposta no seminario non procura establecer simplemente novas datas para substituír as anteriores, senón reconstruír con maior precisión o proceso polo que os textos foron escritos, transformados, agrupados e finalmente publicados. A presión económica sobre a familia, as decisións editoriais, a circulación dos manuscritos ou a distancia entre escritura e publicación pasan así a formar parte da historia literaria.

O resultado é unha Rosalía cuxa traxectoria creativa pode ser menos lineal do que suxire a sucesión das datas impresas nas portadas dos seus libros, e na que poesía en galego e castelán, narrativa, tradución, lecturas e sucesivos proxectos editoriais se cruzan ao longo do tempo.

Unha perspectiva que, máis que pechar a cronoloxía rosaliana, abre novas preguntas sobre ela e confirma que os manuscritos e os propios libros aínda poden gardar información capaz de modificar a maneira na que reconstruímos o proceso creativo dunha das figuras fundamentais da literatura galega.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.