Nova obra de teatro en Monforte

"As virxes salvaxes", da compañía Teatro do Noroeste
Compañía Teatro do Noroeste estrea en Monforte “As Virxes Salvaxes”.

Monforte de Lemos | A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios continua en Monforte de Lemos este xoves 21 de outubro ás 20:15 horas no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra As virxes salvaxes da compañía Teatro do Noroeste.

É unha obra composta e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez, Elina Luaces, Amalia Gómez, Imma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes, sendo o aforo limitado seguindo a normativa sanitaria no momento da realización do espectáculo. A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación ás 19:15 h e a entrada o salón de actos realizarase ás 20:00 h.
Sinopse

“As virxes salvaxes” é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden.

Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas até o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, e preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución.

Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pe. A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas.

O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma. De algún xeito, este espectáculo é unha homenaxe, se cadra un algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Dreaming Juliet da compañía Elefante Elegante que terá lugar o xoves 4 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Outros artigos