“Non teño a sensación de que sexamos referente de nada”

Miguel Mosqueira | Guitarrista de "Ataque Escampe"

Miguel Mosqueira é o guitarra e un dos compositores de Ataque Escampe, o grupo que quentara as orellas aos máis conservacionistas co disco “Galicia es una mierda”, e que por contra, ofreceu xoias como “Violentos anos dez” ou “Noites de Agosto” ademais de vídeos que, de seguro, os máis puristas non quixeron ou non souberon ver. En tal caso, Miguel atende á nosa chamada para falarnos do novo disco, “A Alma”, un alegato a prol da reconstrución do ser humano desde a filosofía, e se non, por favor, lean.

Explícanos o título deste traballo.
O título “A Alma” púxose por dúas razóns. A primeira é que son tres cancións, tres historias en referencias ás tres particións que fixera Platón da alma humana. A parte racional, a parte emocional e a parte dos desexos. A outra razón é que o son do disco é vaporoso, etéreo na maneira en que está gravado e producido. Esa concepción inmaterial encaixa co concepto de alma e ademais, agora que o penso, dentro do mundo actual, que importa tanto a vida virtual, non deixa de ser unha vida incorpórea ou inmaterial, que tamén conecta coa idea clásica de Platón sobre a alma.

A pregunta que seguro vos fixeron un millón de veces, por tanto a pregunta do millón. Quen compón as letras, hai consenso que sexa un dos componentes ou hai unha participación colectiva?
Para este disco escribíronse tres letras, cada unha por unha persoa diferente. Logo, co demais, hai unha proposta inicial e o resto do grupo valora, corrixe e participa dentro do resultado final. Mais o impulso inicial no noventa e cinco por cento das letras ten sido individual.

Entón “A Alma” reflicte o estado da alma de cada unha das persoas que compuxo a súa canción?
Non son letras autobiográficas, ás veces responden a intereses persoais mais logo escoitámolas entre todos e buscamos de darlles unha conexión. Nós distinguimos moi ben quen escribiu cada letra, con todo a maioría non sabe se foi a mesma persoa ou persoas diferentes as que escribiron as letras.

Por que o formato do EP, con só tres cancións?
Xa fixeramos un EP, “Noites de agosto” porque todas as cancións respondían a ese concepto, non necesitabamos máis. Agora fixemos estas porque estas cancións estaban aí, formaban parte dunha etapa e cunha entrada e epílogo vimos que funcionaban. Por iso decidimos xuntalas e logo xa pensariamos en novos discos e cancións. Tamén por pragmatismo, porque gravar vinte minutos é máis simple que gravar corenta, así podes levalo máis controlado.

Se un mira a foto promocional, un ve que a familia “Ataque Escape” medrou.
Con respecto á formación anterior, foise Álvaro da batería e que substituímos por Cibrán, un cambio natural. Despois foise Roi que cantaba e foi substituído por Alex, e logo acrecentamos a Julio, por iso agora somos seis e non cinco. Julio no último disco de 2017 traballou na produción, non facía concerto pero ía a eles e estaba metido na dinámica do grupo. Así decidimos metelo no grupo e explorabamos o son dos teclados.

Sempre que gravades un vídeo, sae moita xente ademais da coñecida. De onde sacades, asiáticos, centroeuropeos, eslavos e outras etnias por descifrar para as vosas aportacións audiovisuais?
Moitos dos vídeos están feitos por xente que é allea a nós. Eles deciden quen sae e son persoas que non coñecemos. Cando participamos durante a realización do vídeo pois buscamos quen pode encaixar mellor dentro. Mais tampouco penso que haxa tanta xente.

Estades a coroarvos como o grande grupo alternativo en Galicia?
Non creo, porque realmente en Galicia hai grupos que en galego e no musical teñen máis proxección que Ataque Escampe na escena alternativa. Nós levamos bastantes anos, vémolo desde outra perspectiva, mais eu non teño a sensación de sermos referentes de nada.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.