Non prosperou na Deputación a proposta de reprobación e dimisión do alcalde de Ourense

Critican a posición de Manuel Baltar, o PP e a deputada tránsfuga, Montse Lama
Bernardo Varela, voceiro do BNG provincial.

Ourense | O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar, o PP de Galicia e a deputada tránsfuga, Montse Lama, amparan e aplauden a Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde agresor que pegou a unha muller, votando en contra de condenar o bochornoso ataque e de reclamar a súa reprobación e dimisión nun pleno extraordinario celebrado hoxe na Deputación de Ourense, onde o rexedor tamén é deputado.

“Algúns amárranse ao sillón como sexa e válelles calquera”, proclamou o voceiro e secretario provincial do PSOE, Rafa Villarino, xusto despois de escoitar os “ignominiosos argumentos” verquidos polos grupos conservadores para protexer a continuidade do alcalde agresor e do presidente da Deputación non seus postos “a calquera prezo” mediante un “pacto da vergoña”.

Os e as socialistas consideran “inasumible para a democracia” que o voceiro de DO e tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, incluso negase a existencia da agresión a unha sindicalista, Lola Panero, durante unha protesta na Praza Maior. Pola súa banda, a deputada tránsfuga Lama incluso amosou comprensión pola escandalosa agresión, cualificando os feitos como un “erro” que “lle pode pasar a calquera”, unha actitude que sinalan como “vergoñenta” e “indigna” desde o grupo provincial.
BNG

O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, apoiou a solicitude de dimisión de Jácome no pleno extraordinario da Deputación de Ourense. “Os actos e actitudes dun representante institucional distan moito das mantidas polo actual alcalde de Ourense, canto máis cando estamos ante unha agresión a unha sindicalista, o que representa baixar un chanzo máis da política institucional ourensá ao enlodamento, que non fai máis que separar á cidadanía das súas institucións”, dixo Varela.

Desde o BNG, sostén Varela, “consideramos que xa non deberamos chegar a este pleno e que se debera ter resolto fai xa un ano este asunto no Concello de Ourense e por outra banda a decisión final xa estaba tomada de antemán”.

O PP de Rueda, de Feijoo e de Baltar, analizou o voceiro do BNG, fixeron unha aposta clara por soportar na Alcaldía ao señor Jácome, así este insulte, denigre e menosprece aos seus representantes no Concello de Ourense e á cidadanía que eles representan, aínda que este mesmo ameace con retirarlles competencias aos representantes do PP no Concello.

Os votos de Jácome no Concello son para manter a Baltar na Deputación, ao contrario do que anunciaba o actual alcalde de Ourense antes das eleccións; e os votos ao PP no Concello de Ourense son votos para o señor Pérez Jácome, esta é realidade que se está a vivir en Ourense, sinalou durante o pleno extraordinario o voceiro do BNG.

A única censura que agardamos é a que virá da veciñanza o ano que ven, declarou Varela. A situación á que se levou á cidade e á provincia de Ourense, que non fan máis que languidecer, tará que ser endereitada pola cidadanía de Ourense cos seus votos o ano que ven, pois nada podemos agardar dos actuais mandatarios.

Outros artigos