Non lles hai vergoña ningunha.

Cadernos da viaxe

Novas aíndas non confirmadas din que o anterior Xefe do Estado, Juan Carlos de Borbón, chegará a Sanxenxo o vindeiro mércores 19, para adestrar co seu barco Bribón a vindeira fin de semana cara ao campionato do mundo de vela de clase 6mR que se desenvolverá na vila galega entre o 9 e o 18 de xuño. Diversas fontes advirten que seica non se confirme a viaxe, mais que o Emérito quere concorrer a ese evento deportivo en xuño e quere partillar nalgún dos adestramentos, polo que se non ven agora viría no vindeiro maio.

“O Goberno do Estado non controla a Casa Real e (…) Felipe e Juan Carlos de Borbón partillan intereses ou segredos que impiden ao primeiro imporse ao segundo como Xefe da Familia”

Desta volta hai quen afirma que a viaxe non acadou o nihil obstat nin do seu fillo o Xefe de Estado nin de Pedro Sánchez. Mais seica na Zarzuela e na Moncloa refugan explicacións coa andrómena de que a viaxe do Borbón é privada, esquecendo que a súa simple presenza pública na Galicia sen dar explicacións do seu vergoñento comportamento anterior constitúe unha nidia mensaxe política e proxecta dúas ideas-forza: que o Goberno do Estado non controla a Casa Real e que Felipe e Juan Carlos de Borbón partillan intereses ou segredos que impiden ao primeiro imporse ao segundo como Xefe da Familia.

Cumpriría lembrar que a Fiscalía arquivou as pescudas a respecto dos presuntos comportamentos delictivos do Borbón non pola falla de pegadas de condutas penalmente tipificadas (que si se constataron), senón, a respecto dalgunhas delas, porque o Constitucional coida que non pode ser axuizado por feitos ocorridos durante o seu mandato (rematado o 19 de xuño de 2014) e, no que atinxe ás posteriores, pola prescrición dos delictos.

Mais semellan existir indicios abondo de que o Emérito posúe un patrimonio que diversas fontes aquelan en máis de 2.000 M€. Un patrimonio do que definitvamente non pagará nunca impostos por se radicar fóra do Estado e mesmo da EU. Un patrimonio xerado dende fontes irregulares e incompatíbeis co exercicio da Xefatura constitucional do Estado, por definición constitucional exclusiva e excluínte, que desenvolveu entre decembro de 1978 e xuño de 2014.

O presidente Rueda manifestou que a cidadanía galega apoia maioritariamente esta nova viaxe do anterior Xefe de Estado. Mais, como afirma aqueladamente o xornalista Xabier R. Blanco, non pode saber tal por non existir enquisas fiábeis neste senso. As poucas enquisas existentes, pola contra, reflicten que este país é dos territorios menos monárquicos do Estado. Rueda xa habería saber que Galicia é moito máis ca os círculos do alcalde e do presidente do Náutico de Sanxenxo. Mesmo nin a veciñanza nin a hostalería sanxenxinas son unánimes nesta opinión.

A Monarquía parlamentaria esixe de moi altos niveis de transparencia e de exemplaridade que sexan quen a compensar a desigualdade da herdanza. E, no caso da Monarquía borbónica, non lles hai vergoña ningunha.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.