Nigrán acolleu a celebración do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación

Baixo o lema #oglobalélocal e coa participación de Concellos galegos e caboverdianos

Nigrán | Preto dun cento de representantes de concellos galegos e caboverdianos, da administración central e autonómica e de organizacións da sociedade civil, entre outros, conmemoraron onte venres o 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no Concello de Nigrán, onde se xestou esta rede concellos e deputacións.

Baixo o lema #oglobalélocal, celebrouse un gran acto conducido pola actriz Diana Sieira no que se combinaron os discursos e recoñecementos con lembranzas e emocións, alén da música galega e africana.

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, foi o encargado de dar a benvida ao evento, no que definiu á asociación municipalista como “un espazo compartido que democratiza a participación de todas as administracións locais galegas en materia de cooperación ao desenvolvemento, dándolle coherencia, continuidade, coordinación e proxectando tamén a Galicia no exterior”.

Tomoulle o relevo o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Daniel G. Palau, para quen “estes esforzos de base local son a esperanza para a acadar un futuro diferente no medio das crises actuais”.

Os países do Sur estiveron representados por Herménio Fernandes, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, coa que se cumpren “vinte anos de colaboración nos que se executaron máis de trinta proxectos que melloraron tanto as condicións de vida das persoas como as capacidades da administración local”, dixo.

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, indicou que “o traballo do Fondo Galego permite concretar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” e lembrou que a Xunta de Galicia está a apoiar a localización dos ODS. Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, apuntou que “a cooperación e a solidariedade van no noso ADN” e reafirmou o compromiso cos países máis desfavorecidos.

Tras os discursos institucionais, tivo lugar a entrega de recoñecementos aos concellos fundadores e ás entidades que apoiaron a constitución do Fondo Galego, como o IGADI, a propia Xunta ou a Federación Galega de Municipios e Provincias. “Vós destes forma aos ODS e puxéstelos na nosa axenda hai un cuarto de século, cando o interese do mundo ía en dirección oposta” afirmou o presidente da FEGAMP, Alberto Varela.

Tamén subiron ao estrado representantes dos concellos de Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Porto do Son e Oleiros. Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coas palabras da concelleira de Cooperación deste último municipio, Marga Figueroa, quen lembrou con agarimo ao tamén edil e presidente do Fondo Galego durante catorce anos, Alfredo Novoa, finado no mes de febreiro.

O evento, que contou coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi, pechouse cun vídeo no que municipios e organizacións de distintos países enviaban parabéns ao Fondo Galego e coa entrega de agasallos ás persoas asistentes. Entre eles, unhas bonecas elaboradas de xeito artesanal por mulleres mozambicanas e árbores autóctonas cedidas pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra), que agora cadaquén terá que plantar e coidar.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido preto de 200 proxectos en máis de 30 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

+info: https://fondogalego.gal/o-fondo-galego-de-cooperacion-conmemora-os-seus-25-anos-cun-gran-acto-de-reconecemento/