“Next Deputación”, pioneiro na captación de fondos europeos

Este centro foi inaugurado pola Deputación da Coruña

Deputación da Coruña | O presidente provincial, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe o novo centro “Next Deputación”, o primeiro centro e de Galicia creado específicamente para dar apoio aos municipios na captación e xestión de proxectos susceptibles de ser financiados con fondos Next Generation da UE.

Ubicado no pequeno concello da Capela (1.242 habitantes), o centro Next supón ademáis unha “aposta clara da Deputación polo rural” e “unha demostración de que é posible activar proxectos pioneiros coma este, que axudan a dinamizar unha provincia desde un pequeno municipio”, segundo explicou Formoso.

O presidente da Deputación estivo acompañado no acto polo rexedor da Capela, Manuel Meizoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e numerosos alcaldes e alcaldesas da comarca.

Proxectos que melloran a vida da xente
“Estou seguro de que nesta oficina máis dunha vez veremos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia vindo a xestionar proxectos que van a mudar a vida da xente da súa localidade”, afirmou Formoso, que considerou “intelixente” apostar pola descentralización de servizos e pola xeración de actividade no rural.

“Creamos esta oficina fóra do ámbito urbano para darlle unha oportunidade ao mundo rural, que tamén pode ofrecer servizos centrais para o resto, porque os pequenos teñen dereito a vivir, porque non todo ten que ser nunha capital e porque a descentralización feita con criterio e con sentido é unha fórmula de evitar que Galicia se desangre desde o punto de vista demográfico”.

A nova oficina Next Deputación dará asesoramento aos 93 concellos da provincia co obxectivo de posicionalos como potenciais beneficiarios dos fondos europeos, “miles de millóns de euros que a Unión Europea asigna a España e que queremos que se concreten e aterren nos territorios. O noso obxectivo é situar á provincia da Coruña á vangarda de España neste ámbito e que ningún concello perda esta oportunidade histórica por falta de medios técnicos”, afirmou.

Nos concellos máis pequenos hai serias dificultades para ter acceso ás convocatorias polas dificultades de tramitación, ao non contar con medios humanos e técnicos ou económicos. “Esta primeira oficina de xestión de fondos europeos pública en Galicia creo que marca o noso sentir de ser unha institución útil aos concellos de toda a provincia”, afirmou Formoso, que cre que a iniciativa servirá como exemplo para outras administracións.

“É un esforzo económico moi importante da Deputación e por iso imos ser moi coidadosos con que a oficina sexa unha ferramenta útil”, subliñou o presidente provincial, que expresou a súa confianza de que “vai ser unha aposta moi ben valorada polo mundo municipal e empresarial da provincia”.

Pola súa parte, o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, quixo “agradecer á Deputación o seu esforzo por crear esta oficina e ubicala na Capela, o que é unha clara aposta do presidente polo mundo rural”.

“Agardamos que con esta oficina todos os concellos vos poidades ver beneficiados e axude a impulsar a provincia”, expresou o rexedor.

Durante a visita todos os dirixentes municipais tiveron ocasión de coñecer de primeira man as instalacións, localizadas no Edificio de usos múltiples da Capela, saudar aos técnicos que traballan no centro e compartir visións, expectativas e opinións sobre as posibilidades que os fondos Next Generation brindan para o desenvolvemento da provincia e o que esta oficina pode supoñer á hora de presentar proxectos de éxito.

Posicionar aos concellos coruñeses como potenciais beneficiarios
Mediante esta actuación pioneira, a Deputación da Coruña pretende anticiparse e establecer os mecanismos necesarios para posicionar á Deputación e aos concellos da provincia como potenciais beneficiarios dos fondos europeos, permitindo a captación eficiente dos mesmos e aproveitando ao máximo as oportunidades no marco de apoio público existente a nivel autonómico, nacional e europeo para o desenvolvemento de proxectos polas administracións locais que contribúan ao progreso no territorio.

Para a prestación deste servizo desde a Oficina Técnica realizaranse traballos de análise e definición das prioridades estratéxicas para o desenvolvemento da provincia, así como a identificación de convocatorias, e a posterior preparación e presentación de proxectos no marco das distintas convocatorias dos fondos Next Generation.

O investimento realizado pola Deputación, de preto de 600.000 euros para a posta en marcha da oficina durante dous anos, permitirá a definición da Estratexia Provincial, a orientación das axendas territoriais, a identificación e definición de iniciativas ou proxectos derivados da estratexia, o asesoramento e asistencia técnica para o deseño e posta en marcha de proxectos e iniciativas de desenvolvemento, a información sobre convocatorias de interese, o apoio á preparación e presentación de candidaturas de proxectos a convocatorias, así como o seguimento de proxectos presentados e tamén o financiamento dos gastos do alugamento da oficina, entre outros.

Outros artigos