Nava Castro: “Quero ser a artífice do cambio en Ponteareas”

A ex alcaldesa e actual directora de Turismo de Galicia presentou a súa candidatura polo PP de Ponteareas

Ponteareas | “Hoxe comezo unha nova etapa na miña vida. Hoxe estou de volta á política municipal”. Con estas palabras presentou Nava Castro, actual directora de Turismo de Galicia, a súa candidatura polo Partido Popular de Ponteareas de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Unha volta á política municipal que esperta diversas expectativas, toda vez Nava Castro xa foi alcaldesa ponteareán entre 2000 e 2003.

A Praza Maior da vila do Condado foi o escenario no que o PP ponteareán realizou a súa ‘posta de escena’ para presentar a candidatura municipal de Nava Castro, enfocada na recuperación dunha alcaldía politicamente clave na que, ata agora, o PP non tiña candidatura definida. Unha aposta que igualmente ten a súa expresión na prioridade do PP por recuperar o poder na Deputación de Pontevedra, tal e como manifestaron reiteradamente os representantes deste partido e do goberno autonómico presentes neste acto.

Neste sentido, a nova líder do PP local estivo arroupada polos altos cargos do PP e da Xunta de Galicia. Estiveron presentes, entre outras personalidades, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do PP na provincia de Pontevedra, Luís López (coloquialmente coñecido como “O Lugués”); José Castro Álvarez, ex alcalde de Ponteareas (1969-2000) e pai de Nava Castro; a Delegada da Xunta de Galicia e candidata polo PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; os alcaldes do Covelo, Pablo Castillo; de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo; e de Lalín, José Crespo Iglesias. Tamén estivo obviamente presente Belén Villar, ata agora a líder do PP ponteareán, cuxo labor foi publicamente recoñecida.

O presidente do PP pontevedrés, Luís López, foi o encargado de inaugurar os discursos pertinentes destacando a “valentía” de Nava Castro en apostar por recuperar a alcaldía de Ponteareas. Un reto “que non é doado” pero que “é necesario” tras “oito anos de retroceso” no goberno municipal no que Ponteareas “perdeu ese peso político” que tiña con anterioridade.

A continuación, foi a quenda para o agardado discurso da abandeirada do PP ponteareán. Nava Castro explicou que “volvo a casa, ás miñas orixes” cun “proxecto de ilusión e integrador” porque “Ponteareas necesita un cambio”. Enfatizou como prioridades a “unión do partido” e a “integración” para gañar a alcaldía lanzando unha mensaxe política: “imos deixar atrás o pasado e concentrarnos no presente”.

Apelando ao “sentidiño”, criticou a política urbanística do actual goberno municipal BNG-PSOE, pediu voltar “á normalidade e á tranquilidade” acabando co “permanente estado de control” e a “falta e liberdades e transparencia” que, na súa opinión, levan a cabo o actual goberno municipal. “Ponteareas non se merece a situación na que está” finalizou Nava Castro na súa alocución, non sen antes aproveitar para asegurar que o recoñecemento do Corpus Christi como Ben de Interese Cultural Inmaterial “vai saír adiante”. Unha clara exposición de que este será un tema clave na campaña electoral en Ponteareas.

Rematou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurando que “é unha boa noticia que Nava estea aquí” como candidata. Celebrou o seu compromiso coa vila do Condado ao asegurar que, grazas a Nava Castro, “Ponteareas sempre estivo presente en Santiago”. Destacou Rueda que “imos ter un gran resultado nas municipais” así como da “necesidade de recuperar o tempo perdido nestes anos” en Ponteareas. Como ven sendo costume nos seus recentes actos públicos do partido, o presidente da Xunta trazou claramente a ‘folla de ruta’ electoral: “é importante que gañe Nava Castro en Ponteareas; é importante recuperar a Deputación de Pontevedra” porque todo isto servirá para “impulsar a Feijóo á Moncloa”.

As referencias as baixas temperaturas foron frecuentes polos responsables dos discursos á hora de considerar que este acto tivo que realizarse ao ar libre, na Praza Maior, e non no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, pechado polo Concello desde 2021 por razóns de seguridade. “Imos recuperar tamén o Auditorio Municipal” foi unha consigna igualmente repetida por Nava Castro, Rueda e López nos seus discursos.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.