“Namórate de Tui” este San Valentín

Campaña municipal para fomentar o comercio local

Tui | O Concello de Tui lanza hoxe a campaña “Namórate de Tui” para celebrar o Día de San Valentín, que será o próximo martes 14 de febreiro. Con esta iniciativa busca fomentar as compras no comercio local, así como o consumo nos restaurantes do municipio, aproveitando a próxima celebración desta data sinalada.

Un ano máis con este motivo instaláronse elementos decorativos a modo de photocall na Praza da Inmaculada e na Praza de San Fernando, así como un corazón iluminado na glorieta de Vigo. Estarán dende hoxe até o domingo día 19. Lánzase un concurso no que se premiará a fotografía con máis “me gusta”, cunha cea romántica e unha noite na casa rural Rectoral de Areas para dúas persoas.

As fotografías deberán ser realizadas nalgún dos photocalls colocados na cidade e deberán subirse a Facebook e/ou Instagram baixo o cancelo #amorporTui e nomeando a conta do Concello de Tui na respectiva rede social. As instantáneas poden ser publicadas dende as 12:00 h do venres día 10, ata as 12.00 h do luns 20 de febreiro.

Logo do éxito acadado polas últimas campañas de promoción do comercio local, a concelleira de Comercio Ana Mª Núñez explica que “este ano o Concello apostou por impulsar unha nova campaña na rúa, nas redes sociais e nos medios de comunicación como chamamento da acción comercial, reivindicando así a importancia de comprar no noso comercio local, este 14 de febreiro e todos os días do ano”. Destaca que “é unha iniciativa coa que volvemos a amosar o apoio deste goberno na promoción do comercio local”.

A campaña impulsada pola concellería de Comercio e Mercados, contou coa colaboración do alumnado do obradoiro de carpintería e de persoal municipal para a elaboración dos elementos decorativos. Paralelamente, está en marcha unha campaña de promoción do comercio e da hostalería local a través dos medios de comunicación e das redes sociais de @QueroTui. Amais con motivo de San Valentín haberá sorteos de produtos doados por establecementos locais até o próximo domingo 19 de febreiro.

Esta iniciativa inscríbese dentro da campaña #ElixeTui, iniciada hai uns meses polo Concello de Tui, e a comunidade comercial @QueroTui, co obxectivo de crear unha marca comercial e poñer en valor o comercio e a hostalería local. A cartelería correspondente a estas campañas está a disposición dos establecementos na Oficina Municipal de Turismo no paseo da Corredoira.