Música “a esgalla” no Rock in Rio Tea en Ponteareas

Este venres 30 de xuño e sábado 1 de xullo no Parque da Feira Vella

Ponteareas | Conta atrás para a celebración dunha nova edición do Rock in Río Tea, que este 30 de xuño e 1 de xullo regresa á Feira Vella con música a esgalla e unha morea de propostas de balde coas que conquistar ao público.

O Concello de Ponteareas colabora no financiamento deste festival que “é testemuño do noso compromiso coa cultura e o lecer, brindando á veciñanza unha experiencia única e vibrante. O Rock in Río Tea é unha oportunidade excepcional para gozar da paixón e da enerxía de recoñecidos artistas, un escaparate único de talento que nos unirá a todas e todos arredor da música”, segundo salientou a alcaldesa, Nava Castro.

O festival arrancará o venres 30 de xuño con tres actuacións coas que quentar motores. Aphonnic fará as delicias do público máis entusiasta, que se deixará a gorxa para acompañar a un grupo que con cada un dos seus seis discos foi dando pasos de xigante ata conseguir crear un estilo propio e recoñecíbel que bebe do metal alternativo ou do metalcore. Con 20 anos de traballo ás súas costas e triunfando a nivel nacional, os vigueses subirán ao escenario cargados de himnos musicais.

Tamén estará na cita a banda con máis táboas do panorama ponteareán, Errantes, que ofrecerá un espectáculo mítico que fará ao público bailar e cantar baixo unha infinidade de estilos. Non podía faltar sobre o escenario o alumnado do CDM (Rock School), que serán os encargados de abrir esta nova edición do festival.

O sábado 1 de xullo será a quenda dun dos grupos máis agardados do cartel, León Benavente, unha das bandas de referencia do rock nacional. Dende a publicación do seu primeiro disco en 2013, a banda leva unha década enchendo salas, recintos e festivais e sacando algunhas das cancións máis emblemáticas da música en castelán dos últimos anos.

Tamén estará presente Aiko el grupo, que farán vibrar ao público cun repertorio que vai dende o pop máis duro ata o punk máis distorsionado, unha verdadeira forza da natureza sobre o escenario. As e os ponteareáns poderán gozar ademais de Venturi, unha banda de sonido british, con bases poderosas e melodías redondas que fan evolucionar as súas cancións a hits para facer saltar ao público dende o primeiro minuto ata o último.

Esa mesma xornada o festival contará tamén coa presenza de Fillas de Cassandra, o dúo formado por María Soa e Sara Faro que presentará en Ponteareas o disco galego do ano, o seu primeiro traballo ‘Acrópole’. Nel a través de melodías tradicionais, pop e electrónica confeccionan unha viaxe ata os mitos femininos gregos para establecer paralelismos e cuestionar unpresente que non semella tan distante daqueles tempos.

E, por suposto, non poden faltar entre os grupos participantes neste amplo programa de concertos Visions of Johanna, os gañadores do Concurso de bandas co seu folk rock exquisito.