Music-Camp 2021 en Muíños (Ourense)

Programa de formación musical para a mocidade

Muíños | Co patrocinio da Deputación de Ourense, a colaboración do Concello de Muíños e a organización da escola La Casa de la Música, o complexo turístico do Corgo acollerá do 26 de xullo ao 1 de agosto o Music-Camp 2021, que alcanza a súa terceira edición cun programa de formación musical para a mocidade, complementado con actividades de ocio e deporte.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e o director da escola, Fernando Calvo, destacou na presentación do campamento “a singularidade dunha iniciativa que promove unha formación específica, desta volta musical, mesturada con actividades de convivencia para sacar o máximo partido a esta experiencia”.

Baltar tamén puxo de relevo a solidez dun proxecto “que ten un significado aval na persoa de Fernando Calvo, guitarrista dunha das bandas de rock máis importantes na historia da música española, como Los Suaves, e con máis de vinte anos de experiencia no ensino musical”.

Segundo Plácido Álvarez “con este campamento seguimos abrindo unha liña de traballo que no futuro nos permitirá sumar ao complexo do Corgo outras actividades con contidos específicos”.

Fernando Calvo agradeceu o apoio da Deputación e do Concello de Muíños ao “Music-Camp” 2021 “que nesta terceira edición segue a demostrar o interese que esperta entre a mocidade ourensá con inquedanzas musicais, xa que o 99 % das solicitudes corresponden a persoas con algún coñecemento musical e que queren adquirir máis formación e experiencia”.

“Nas instalacións do Corgo e durante sete días, cincuenta mozas e mozos de entre 12 e 17 anos participarán nun programa que inclúe tres horas diarias de clases de guitarra, canto, batería, piano, coreografía e baile”

Nas instalacións do Corgo e durante sete días, cincuenta mozas e mozos de entre 12 e 17 anos participarán nun programa que inclúe tres horas diarias de clases de guitarra, canto, batería, piano, coreografía e baile, tanto en iniciación como para aqueles que teñan algún coñecemento, co engadido de fomentar a creación de grupos musicais.

Xunto coas clases e para fomentar as relacións sociais nun entorno natural e de ocio, no campamento tamén se organizarán actividades relacionadas coa náutica e os deportes, ademais de veladas diarias e xogos nocturnos.

O “Music-Camp” 2021 rematará o domingo 1 de agosto cun festival no que ademais dos alumnos tamén intervirá o conxunto feminino ourensán “Distance Sisters”.