Mozos europeos realizan voluntariado no Camiño Portugués en Tui

Veñen de Grecia, Italia, Eslovaquia, Letonia e España

Tui | Cinco persoas voluntarias de Grecia, Italia, Eslovaquia, Letonia e España realizan este verán labores de sostenibilidade, interculturalidade, promoción da inclusión social en Tui e no Camiño Portugués. Estas cinco persoas participan no proxecto Xacobeando liderado pola Xunta de Galicia, e que supervisa a asociación guardesa FOCO.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibía onte á mañá a estes cinco mozos e mozas voluntariadas coñecendo así de primeira man o labor que realizan este verán. Uns meses estivais no que tamén colaborarán en distintas actividades e iniciativas do propio Concello de Tui.

Xacobeando, é un proxecto europeo de voluntariado en zonas de alta prioridade posto en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude Galicia.

Ao abeiro do mesmo 80 voluntarios, de entre 18 e 30 anos, de diferentes países de Europa colaboran en accións de conservación e difusión das rutas de peregrinación a Santiago. Tui é un dos municipios onde se desenvolve xunto a Palas de Rei, Xinzo de Limia, Lalín, Ribeira, Valga, Pontevedra ou Santiago.