
Ourense | Un grupo de mozas e mozos de Ourense reuniuse no local da Asociación Cultural A Galleira para articular unha resposta colectiva ante a crecente dificultade de acceso a unha vivenda digna na cidade e no conxunto de Galiza. Conscientes da urxencia da situación, as persoas asistentes acordaron organizarse para denunciar a especulación e esixir medidas inmediatas ás administracións públicas.
Durante o encontro, o colectivo debateu sobre a problemática habitacional da contorna e acordou a súa adhesión á Plataforma Galega Vivenda Xa!. O obxectivo prioritario deste novo núcleo local será concienciar a sociedade de que a crise da vivenda ten solución, ademais de sumar novos apoios e calendarizar vindeiras accións reivindicativas na cidade.
Propostas concretas
Para reverter a situación actual, o movemento puxo sobre a mesa unha batería de propostas urxentes, entre as que destacan: Ampliación do parque público: Construción de máis vivenda protexida. Mobilización de recursos existentes: Recuperación e conservación da gran cantidade de vivenda baleira e abandonada que hai en Ourense. Regulación do mercado: Declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado. Control turístico: Limitación e inspección das Vivendas de Uso Turístico (VUT).
Hadrián Alonso, membro de Vivenda Xa! en Ourense, amosouse tallante sobre os motivos que impulsan esta organización: “Estamos fartas de que os salarios non dean para pagar un alugueiro que non para de subir. Temos que facer algo xa”. O colectivo fai un chamamento a toda a veciñanza ourensá a sumarse ás vindeiras xuntanzas e mobilizacións para defender en común un dereito fundamental.




