Movemento Salceda lamenta que a Xunta devolva a Europa os cartos do saneamento de Entenza e Soutelo

Unha década despois da elaboración dos proxectos para estas dúas parroquias
Loli Castiñeiras (segunda pola esquerda) considerou que “a Xunta de Galicia do PP está faltando sistematicamente á palabra dada á veciñanza de Salceda de Caselas”.

Salceda de Caselas | Movemento Salceda lamenta que dende a Xunta de Galicia se estean a poñer como escusa os “atrancos burocráticos” para non poder executar diferentes obras de saneamento para as que se conta con fondos europeos.

É o caso do proxecto de Entenza e Soutelo, que cun orzamento de 2.211.233,87 €, está listo dende o ano 2008 e con toda a tramitación realizada: permisos de propietaria/os en Entenza asinados, autorizacións de Patrimonio, Deputación, Xunta e Confederación Hidrográfica aprobados, e incluso o Concello mercou no seu momento un terreo preciso en Soutelo para instalar un pozo de bombeo.

O proxecto estivo xa recollido nos orzamentos do Estado no ano 2008, mais a non sinatura da transferencia desa partida entre Xunta e Estado imposibilitou a súa execución. Máis do mesmo aconteceu no 2009, cunha partida aprobada nos orzamentos da Xunta de Galicia que, coa vitoria do PP e a chegada de Feijoo á presidencia da Xunta, acábanse destinando eses fondos previstos para Salceda aos colectores do Furnia e de San Simón, ámbolos dous no Concello de Tui que naquel momento estaba gobernado polo PP.

No ano 2014 dase unha nova oportunidade para o proxecto, asinándose un Convenio entre Concello, Consorcio do Louro, Confederación Hidrográfica e Xunta de Galicia, que chega a autorizarse por parte do Consello de Ministros, con aportación de fondos FEDER.

Sen embargo, a Xunta de Galicia non aporta o 20% da financiación prevista, deixando sen posibilidades a execución do proxecto que tiña que estar rematado o 31 de decembro de 2015, e devolvendo a Europa máis dun millón de euros por ese incumprimento. O máis grave da situación é, sen dúbida, que o goberno autonómico nin sequera tivo a ben comunicar este feito ao Concello, impedindo deste xeito calquera opción de conseguir o financiamento pendente por parte da administración local.

No ano 2016, despois dun insistente traballo realizado polo goberno de MS, o proxecto de Entenza consegue financiación nos orzamentos do Consorcio do Louro a través dunha operación de crédito. Sen embargo, unha vez máis as políticas do PP impiden a súa execución, neste caso a través da denominada “lei Montoro” que impediu levar a cabo a operación.

Dende entón MS leva solicitado que se inclúa o proxecto nos orzamentos da Xunta de Galicia, obtendo o voto do PP en contra, e imposibilitando deste xeito a execución deste proxecto tan preciso. Movemento Salceda amosaba estes días a súa sorpresa coas informacións publicadas en prensa, onde a Xunta de Galicia alega trabas burocráticas para levar a cabo diferentes proxectos de saneamento. Tal como quedou demostrado, no caso do proxecto de Entenza e Soutelo non existe ningún impedimento administrativo para a súa execución, polo que dende a formación local se insta á Xunta a que dunha vez execute o proxecto, e cumpra os compromisos adquiridos coa veciñanza de Salceda.

Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda: “A Xunta de Galicia do PP está faltando sistematicamente á palabra dada á veciñanza de Salceda de Caselas. As informacións dos últimos días son unha verdadeira falta de respecto para a veciñanza de Soutelo e Entenza, e dende Movemento Salceda non imos parar ata que o proxecto sexa unha realidade. É de xustiza”.