Movemento Salceda fai un balance positivo dos primeiros 100 días sen alcaldía

Destaca o traballo "man a man" dun "bipartito unido"
O pasado 15 de xuño deuse o traspaso de poder da entón alcaldesa Loli Castiñeira (dereita) á actual Verónica Tourón (esquerda).

Salceda de Caselas/Movemento Salceda O pasado 15 de xuño Loli Castiñeira dáballe paso na alcaldía a Verónica Tourón, dando cumprimento así ao pacto de goberno alcanzado co PSOE para esta lexislatura. A ata entón alcaldesa pasou a ocupar a tenencia de alcaldía, asumindo ademais a área de vías e obras, que se sumou ás que xa ostentaba ata entón: persoal, igualdade e coordinación de proxectos.

Para a formación local, estes primeiros cen días dende o relevo ofrecen un balance positivo, con un bipartito unido traballando man a man polo beneficio da veciñanza de Salceda.

En palabras de Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda, “Como non podía ser doutro xeito, o cambio de alcaldía non supón un cambio de rumbo, senón que ámbolos dous partidos continuamos a traballar nos proxectos iniciados na anterior etapa, sen que un cambio na persoa que ocupa a presidencia supoña ningún xiro nas políticas de esquerdas que se están a levar a cabo xa dende o 2007, e que seguen a transformar a Salceda que tanto queremos”.

“O cambio de alcaldía non supón un cambio de rumbo, senón que ámbolos dous partidos continuamos a traballar nos proxectos iniciados na anterior etapa”

Dende Movemento Salceda teñen claro que o feito de non ter a alcaldía non supón unha menor responsabilidade no goberno, lembrando que das catro persoas que forman o grupo municipal, ademais das mencionadas áreas da tenente de alcaldesa, dependen outras fundamentais como as de facenda, réxime interior, seguridade e tráfico, cultura, patrimonio, festexos, parques e xardíns ou servizos municipais.

Ademais está a coordinación de proxectos que segue a depender de Loli Castiñeira e que engloba as iniciativas da totalidade do grupo de goberno.

O pacto de goberno asinouse para a lexislatura completa, e por parte de Movemento Salceda cumprirase escrupulosamente ata o último día.

Deste xeito, dende Movemento Salceda asúmese este novo papel no goberno do que xa se cumpriron os cen primeiros días “sen levantar o pe do pedal, e traballando con toda a entrega con independencia de quen ocupe o posto da alcaldía”.

Loli Castiñeira, voceira de MS e tenenta de alcaldesa: “a veciñanza de Salceda sabe que seguimos estando á súa enteira disposición, e que poden seguir acudindo a nós para todo aquelo no que poidamos botarlles unha man. Os nosos teléfonos están dispoñibles as 24 horas, e as nosas portas abertas sempre que se precise”.