Salceda de Caselas/Movemento Salceda | Movemento Salceda agradeceulle á Deputada nacional e Vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, que tivese a ben visitar Salceda para abrirlle os ollos ao PP local e explicarlles que a revisión catastral que se ven de levar a cabo en Salceda, Mos, Porriño e Bueu está impulsada dende o goberno central, e que nada ten que ver o goberno municipal.
Así, no comunicado emitido polo Partido Popular de Salceda anunciábase que Ana Pastor presentará unha solicitude ao goberno central para intentar deixar sen efecto a revisión catastral, iniciativa que agradecen dende MS, lembrando que a revisión ven imposta dende o goberno central e nada se pode facer dende o Concello.
Movemento Salceda lémbralle ao PP que foi o seu partido o que deixou a porta aberta a esta revisión cando gobernaba en Madrid aprobando o Real Decreto Lei 1/2004 do catastro inmobiliario, e que no caso de Salceda a situación vese agravada polas Normas Subsidiarias aprobadas tamén polo PP cando gobernaba no Concello, e pola negativa do PP actual a aprobar o PXOM impulsado por MS que eliminaría a inmensa maioría das situación inxustas que se dan en numerosas parcelas que non cumplen coas condicións de edificabilidade.
Por último, agardan dende MS que o PP tivese a ben trasladarlle a Ana Pastor a necesidade de remodelación do enlace da PO-510 na Lagoela, aproveitando a visita que fixeron á zona, proxecto que está xa en mans da Consellería de Infraestructuras e que suporía a eliminación do tráfico pesado do casco urbano, facendo da nosa vila un lugar máis seguro. Loli Castiñeira, voceira de MS: “Toda iniciativa que beneficie á veciñanza de Salceda será sempre agradecida pola nosa agrupación, pero non imos consentir que se siga enganando á xente como intentou facer o PP local ata o de agora, con mentiras e informacións falsas que a súa propia compañeira ven de deixar en evidencia”.