Mostra “O Mar tamén ten mulleres” do GALP Ría de Vigo-A Guarda

Presentada na Feira do Mar de Vilaboa

Vigo | A Feira do Mar de Vilaboa acollerá a exposición fotográfica itinerante “O mar tamén ten mulleres” impulsada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar.

A mostra recolle a historia das mariscadoras, redeiras, percebeiras, peixeiras, traballadoras da salga e da conserva, bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e agora sono tamén desta mostra, que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa historia.

A presentación da exposición terá lugar o sábado 25 ás 12:30 no Porto de San Adrián. Os asistentes á Feira do Mar poderán gozar dela durante toda a fin de semana.

Por outra banda, o luns 27 Redondela acollera a segunda sesión informativa e de orientación sobre o sector do mar grazas á colaboración entre o GALP Ría de Vigo-A Guarda e a Asociación de Empresarios de Redondela.

A cita celebrarase no Pazo de Santa Teresa ás 12:30 horas e está dirixida a persoas desempregadas maiores de 18 anos que estean empadroadas nos concellos da área do GALP Ría de Vigo-A Guarda (Redondela, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda) e teñan interese en descubrir todo o potencial que ten o noso mar para crear emprego.

No encontro daranse a coñecer as oportunidades laborais que ofrece o sector, os diversos oficios que abrangue (pesca, marisqueo, acuicultura), as  titulacións e centros de formación que resultan de interese, así como aqueles recursos para a busca activa de emprego.

Esta xornada será a segunda dun ciclo informativo ‘Relevo2’ que ten como obxectivo darlle visibilidade a todas as saídas profesionais que xera o mar.

As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse. Para máis información poden contactar co GALP Ría de Vigo-A Guarda nos teléfonos 986 358 109 / 646 873 106 ou no correo electrónico galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou coa Asociación de Empresarios de Redondela.