O Covelo | Como cada primeiro sábado de mes o concello de Covelo acolle a súa “Mostra de Produtos” na que poderemos atopar dende postos de artesanía, alimentación, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música entre algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e a multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, a Casa Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.
“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo delecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.
Este sábado día 2 a partir das 11 horas na praza Mestre Cerviño poderemos gozar da cociña en directo e xa a partir das 13 horas, e tamén en directo, da música durante a sesión vermú.
Na páxina web do concello pódense atopar todos os atractivos turísticos locais.