Mos reclama máis seguridade na A-55

Solicita a gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9 e finalizar os proxectos pendentes

Mos | O Concello de Mos aprobou hoxe en Pleno a petición unánime de toda a Corporación, a raíz da moción presentada polo equipo de goberno, dirixida ao Ministerio de Transportes para esixirlle o óptimo mantemento e que garanta a seguridade na A-55.

Os profundos baches que se agravan co paso dos días e as semanas fixeron que a alcaldesa de Mos decidise tomar medidas e plantexar a aprobación en Pleno dunha moción neste senso, que se fixo común a todos os membros da Corporación Municipal, sendo votada a favor por unanimidade durante a sesión plenaria celebrada esta mañá no Pazo de Mos.

“A Autovía A-55 Vigo-Porriño é a vía máis perigosa de Galicia e a autovía con máis accidentes de España. Atópase nun estado deplorable, co firme da calzada totalmente destrozado en todo o vial en xeral e ao seu paso por Mos en particular, onde unha gran fochanca leva poñendo en perigo desde hai semanas aos 60.000 condutores que utilizan a diario a autovía, entre eles moitos veciños e veciñas de Mos; por iso non podemos continuar nesta situación de deixadez e abandono por parte do Ministerio de Fomento”, declaraba esta mañá Nidia Arévalo, rexedora local mosense, en Pleno.

A A-55, ademais de estar entre as vías máis perigosas e con maior sinistralidade, é a máis lucrativa en canto a recadación por imposición de multas se refire. Segundo datos oficiais da DXT e publicados xa en diversos medios de comunicación, tan só nos 2 radares que ten esta autovía ao seu paso polo termo municipal de Mos, tráfico pon 40.698 multas ao ano (dato de 2021) no PK 9 e 16.482 multas ao ano (dato de 2021) no PK 12.

“Un total de 57.180 multas anuais que só recadando unha sanción mínima de 50€ por cada unha suman case 3 millóns de euros que, como mínimo, deberían ser reinvestidos nun óptimo mantemento do firme, xa que é competencia e responsabilidade do Estado facelo e así quremos reclamalo polos nosos veciños o primeiro, e por todos os usuarios que fan uso dela diariamente, por suposto que tamén” explicou Arévalo.

Na moción aprobada hoxe en Pleno pídese ademáis que “Fomento nos escoite”, como dixo literamente a alcaldesa, e que todos os proxectos pendentes no municipio dependentes dese Ministerio se leven por fin a cabo. Entre eles que se execute tamén en Mos o Plan de Acción contra o Ruido do Ministerio de Transportes, coa implantación de medidas contra o ruido na A-55 e na A-52 en Puxeiros-Tameiga e Cerqueirás e Amieirolongo en Sanguiñeda. E que se leve a cabo a obra de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo.

Ademais destes, a moción inclúe varios acordos nos que se insta ao Ministerio de Transportes (antes Fomento) á gratuidade da peaxe de Porriño da AP-9, xa que é a solución máis rápida e inmediata para evitar e reducir a siniestralidade, e que se desvíe o tráfico da tan perigosa A-55, liberalizalizando a peaxe de Porriño da AP-9. E ao mantemento en óptimo estado das condicións da A-55: a inmediata reparación do firme ao prezo que sexa e á hora que sexa (bastantes problemas de seguridade ten xa ese vial para que non teña o mellor firme de toda a provincia, durante todos os días do ano). Que como mínimo se reinvirta o que se recada en multas no óptimo mantemento do vial.

Que se faga o que sexa necesario para poñerlle fin ao descoido desta autovía por parte do Goberno de España. Que se acabe o parcheo das fochancas botando asfalto dentro dos buracos. Que se poña fin á deixadez nos labores de mantemento, ás barreiras de protección oxidadas e aboiadas, á ausencia de limpeza viaria na propia autovía e nos carrís de servizo. Que se proceda a realizar un mantemento en condicións, e como é obrigación do Ministerio, en toda a A-55. E que o devandito mantemento inclúa unha rehabilitación total do firme de todo o vial, desde Vigo a Porriño, con asfalto antiruido (fonoabsorbente) e absorbente permeable.