Mos presenta o seu cartel para o 8M

Creado por alumnado do Bacharelato de Artes do IES de Mos

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e a edil mosense de Educación, Julia Loureiro, presentaron esta mañá no IES de Mos acompañados polo director do centro, por membros da directiva da ANPA, profesorado e alumnado de segundo curso de Bacharelato de Artes, e a xurídica do Centro de Información á Muller, CIM, de Mos, Ana Rodríguez Cabaleiro, a programación municipal conmemorativa do 8M, Día Internacional da Muller.

Ademais da programación, fíxose a presentación do cartel oficial do Concello de Mos para o 8M deste ano, en cuxo deseño participaron os devanditos alumnos/as. Un total de 7 rapaces e rapazas elaboraron as súas propostas creativas para o cartel. Foron Paula Alonso, Jimena Amor, Martín Bras, Susana Carrera, Nerea Pérez, Ángela Silva e Sabela Rodríguez, que foi a elexida coa súa obra para o cartel institucional da administración local.

A elección do cartel gañador foi realizada polo equipo técnico de traballadoras do CIM, en base a criterios de maior representatividade de valores igualitarios.

As representantes municipais, Arévalo, Cebreiro e Loureiro, agradeceron enormemente a “enorme implicación que a comunidade educativa do IES de Mos demostra sempre en iniciativas relacionadas co fomento da igualdade real entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia de xénero, así como a sempre voluntariosa colaboración do alumnado e profesorado do Bacharelato de Artes en proxectos de deseño relacionados con eventos municipais, e a man tendida da ANPA, sempre tendendo lazos e facendo de fío conductor entre administración local e centro educativo”.

Ademais o alumnado do Instituto mosense ten constituído o Grupo de Igualdade do IES de Mos, que se reúne durante os recreos para traballar en diferentes propostas e iniciativas nesta materia.

Desde fai uns anos vén sendo habitual a colaboración dos alumnos e alumnas do Bacharelato de Artes en deseños para promocionar iniciativas e actividades municipais.

Así, foron os autores da mascarilla oficial conmemorativa das etapas de La Vuelta en Mos dos anos 2020 e 2021, fixeron propostas para o pasado 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, para o Samaín … etc.

Programa 8M 2020:
O programa de actividades conmemorativas inclúe as seguintes iniciativas:
5 de marzo. Concerto das Girl’s Gang 1º pase.
6 de marzo. Actuación do Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade (en Guizán-novo auditorio) 18:00 h.
8 de marzo. Homenaxe ás primeiras mulleres da industria mosense.
9 de marzo. Encontro interxeracional de mulleres mosenses cos xoves do IES de Mos.
11 de marzo. Taller de solo pélvico.
11 de marzo. Monólogo “Ler o prospecto antes de….” no C.C. Abrente 21:00 h.
12 de marzo. Monólogo “Ler o prospecto antes de….” no Centro Cultural de Herville 21:00 h.
13 de marzo. Concerto das Girl’s Gang 2º pase.
17 de marzo. Presentacion do Plan de Igualdade do Concello de Mos.
24, 25, 31 de marzo e 1 de abril. Xornadas de intervención contra a violencia de xénero.

As “I Xornadas de Intervención e tratamento contra a violencia” serán impartidas por técnicos (xuízas, mestras, psicólogas, avogadas… entre elas Mariña Marroquí, que é escritora e educadora social) e, entre outras, Concepción Cendón, psicóloga forense, Asunción Lois, avogada responsable da quenda de oficio de vítimas de violencia do Colexio de Avogados de Vigo, etc.