Mos presenta o cartaz das súas Festas de San Mamede 2022

Coa banda colombiana MORAT como principal atractivo

Mos | Hoxe tivo lugar a presentación dos actos conmemorativos do patrón de Mos, San Mamede, nas que se inclúe o concerto estrela de MORAT. No acto de presentación celebrado no salón de sesións do Concello de Mos estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia, Sara Cebreiro, concelleira mosense de Cultura e Turismo, Camilo Grandal, presidente da Comunidade de Montes de Torroso e Kin Martínez, Director da productora Esmerarte.

As entradas para o concerto de MORAT, con subvención autonómica por atoparse incluído no programa musical do Xacobeo 21.22, teñen un custe de 10 euros e xa están á venda nas plataformas on line ataquilla.com e esmerarte.com Este concerto será un dos tan só 40 que a banda colombiana dá por todo o mundo na súa xira actual.

A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, detallou a programación das Festas do Patrón, San Mamede 2022, que se prolongarán desde o día 31 deste mes ata o 18 de agosto, co broche de ouro do concerto de MORAT no Campo de Fútbol das Baloutas.

Arévalo explicou que o programa de actos festivos comezará o 31 de xullo ás 10.00 horas cunha andaina medioambiental pola parroquia de Torroso con saída desde o Centro Dotacional de Torroso.

O 6 agosto ás 20.30 horas haberá un Certame de Bandas de Música no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso. Ás 21.30 horas, sardiñada amenizada por SDK de Guláns e sacacorchos de Torroso. E durante todo o día, de 12.00 horas a 20.00 horas, Festa da Auga con hinchables acuáticos de balde para a cativada na contorna do Centro Dotacional de Torroso.

O 7 agosto, día de San Mamede, ás 12.00 horas Misa Solemne na Igrexa de San Mamede de Torroso, seguida de concerto da Banda Xuvenil de Torroso. Ás 21.00 horas concerto de Algarabía Folk na contorna do Centro Dotacional de Torroso, que irá seguido, ás 22.00 horas, do CONCERTO DE XABIER DÍAZ coas Adufeiras de Salitre (subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia) na mesma ubicación. Continuará a música e ás 23.30 horas chegará a verbena coa orquestra SUAVECITOS.

O 8 agosto ás 12.00 horas oficiarase outra Misa Solemne na Igrexa de San Mamede de Torroso, seguida da actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso. Ás 22.00 horas comezará a verbena COA ORQUESTRA AMÉRICA E O GRUPO FAMA. O concerto estrela do San Mamede 2022 chegará o 18 agosto ás 22.00 horas no Campo de Fútbol de As Baloutas. MORAT porá o broche de ouro ás Festas do Patrón 2022.

Kin Martínez, Director de Esmerarte, explicou os detalles da venda de entradas do concerto de Morat. Hoxe ás 14.00 horas saíron á venda as 3.000 localidades dispoñibles para este concerto, que se poden comprar desde xa mesmo on line a través de ataquilla.com e esmerarte.com A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, pechou o acto de presentación facendo referencia á “forte aposta do Xacobeo 21.22 pola música en directo e a música no Camiño, de xeito que desde a Axencia Turismo de Galicia e desde a Xunta de Galicia non podiamos senón apoiar ao Concello de Mos no concerto de MORAT”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos