Mos esixe radar na N-550 para seguridade no Camiño Portugués

A Mesa do Camiño incorporou ás asociacións BaRes e Acesmos para premer por medidas urxentes e coordinación entre as administracións

Mos | A Mesa do Camiño reuniuse este martes no Pazo de Mos para abordar a situación do Camiño Portugués ao seu paso pola N-550, un dos puntos que máis preocupación esperta entre os colectivos e as administracións tras o accidente sufrido recentemente por unha peregrina. A sesión comezou coa ampliación da composición da Mesa, que aprobou a incorporación da Asociación de Hostaleiros e Turismo de Mos (BaRes Mos) e da Asociación de Comerciantes e Servizos de Mos (Acesmos).

Na reunión participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o responsable do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia, Marcos Gómez Román; o deputado provincial Javier Tourís; os concelleiros Sara Cebreiro e Baldomero Lorenzo; representantes das comunidades de montes de Guizán, Mos e Louredo; das asociacións veciñais e culturais Santa Baia, Veigadaña, Chan do Bosque, Fundación Pazo de Mos, Amigos do Camiño, Aemos e Asociación Cultural A Cividade, ademais da Tapería Alpendre. Escusaron a súa asistencia Tapería Flora e a tenda Bocamiño.

Durante a reunión analizouse a situación da N-550 ao seu paso por Mos ((para o que tamén se uniron os concelleiro do PP Leo Costas e a concelleira do BNG Sara Samartín), un tramo no que conflúen un intenso tráfico diario, un elevado número de vehículos pesados e o paso de milleiros de peregrinos, o que fai aínda máis necesaria a adopción de medidas que reforcen a súa seguridade.

Outro dos asuntos que xerou maior preocupación foi o recente cambio da sinalización horizontal entre as inmediacións do Mercadona e o cruzamento da Quiringosta, onde a liña continua foi substituída por unha descontinua. Os asistentes coincidiron en expresar o seu desacordo con esta modificación ao considerar que pode incrementar o risco nun tramo especialmente sensible.

Durante o encontro tamén se deron a coñecer datos facilitados polo servizo municipal de Emerxencias, segundo os cales entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo rexistráronse 108 incidencias atendidas polo 112 entre Os Valos e o Mercadona, entre accidentes de tráfico, caídas e atropelos de animais, o que supón unha media de quince incidencias ao mes.

Entre os acordos adoptados figura a solicitude ao Ministerio de Transportes da instalación dun radar fixo no tramo limitado a 50 quilómetros por hora comprendido entre a rotonda do Mercadona e o cruzamento da Quiringosta, ante o incumprimento xeneralizado do límite de velocidade.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia comprometeuse a que os seus técnicos do Camiño de Santiago elaboren un estudo para analizar alternativas que eviten que os peregrinos teñan que cruzar a N-550, valorando opcións como a construción dun paso elevado ou soterrado e revisando tamén a sinalización do itinerario noutros puntos do trazado.

Así mesmo, a Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello promoverán unha reunión técnica sobre o terreo para estudar posibles alternativas de mellora e de modificación do trazado, co obxectivo de presentar unha proposta conxunta e sólida ante o Ministerio de Transportes.

Durante o debate, o deputado provincial Javier Tourís defendeu como solución de futuro a conversión deste tramo da N-550 nunha travesía urbana e puxo os servizos técnicos da Deputación á disposición do Concello para colaborar na procura dunha solución. Pola súa banda, Marcos Gómez Román incidiu en que, malia tratarse dunha estrada de titularidade estatal, a Xunta colaborará na procura de alternativas que melloren a seguridade do Camiño.

A Comisión de Seguimento da N-550 levou a cabo hoxe a concentración con corte da circulación convocada no cruce co Camiño da Quiringosta para reclamar actuacións urxentes que melloren a seguridade nesta estrada estatal ao seu paso por Mos.

A concentración contou cun amplo respaldo institucional e social, coa participación de representantes de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal, ademais de membros da Comisión de Seguimento da N-550, colectivos veciñais, asociacións e veciñanza, que volveron a reclamar actuacións urxentes que melloren a seguridade nesta estrada estatal. A concentración celebrouse no punto onde, hai apenas uns días, unha peregrina resultou atropelada mentres cruzaba a N-550, un novo accidente que motivou esta mobilización.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.