Mos e Consorcio do Louro sensibilizan no Día Mundial da Auga

A través dunha actividade lúdico-didáctica co alumnado de 3º e 4º

Mos | Esta mañá celebrouse no Pavillón Óscar Pereiro unha actividade conmemorativa do Día Mundial da Auga que será o vindeiro venres 22 de marzo. Actividade organizada conxuntamente entre as concellerías de Medio Ambiente, e o seu programa CoidaMos, e de Educación co programa de actividades para os centros educativos dentro do horario lectivo; ambas en colaboración co Consorcio de Augas do Louro e o seu proxecto Misión Sostible.

Na iniciativa, na que participou a cativada de Primaria dos CEIPs de Mos estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o seu tenente de alcaldesa e responsable do Saneamento e Abastecemento no municipio, Camilo Grandal, a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, e tres representantes do Consorcio de Augas do Louro: Rufino Rodríguez, xerente do Consorcio de Augas do Louro, Manuel Viñas, xefe de servizo de FCC Aqualia e Alberto Fernández, técnico de abastecemento de FCC Aqualia.

En total participaron na actividade de hoxe 169 nenos e nenas, todos eles alumnado de 3º e 4º de Primaria de 4 colexios públicos de Mos: do CEIP PETELOS  30 alumnos, do CEIP ATíN-CELA 50 alumnos, do CEIP Pena de Francia 41 alumnos e do CEIP Mestre Valverde Mayo 48 alumnos.

Segundo explicaron os representantes municipais, Arévalo, Médez e Grandal, “o obxectivo xeral desta actividade é crear conciencia no alumando da importancia da auga para o noso benestar e o dos ecosistemas, e tódolos seus componentes”.

A iniciativa consistiu Consistiu na súa parte teórica na explicación da depuración da auga que chega á EDAR de Guillarei do Consorcio de Augas do Louro. E vén complementada por outra actividade que se está a desenvolver estes días co alumnado de Primaria dos colexios de Mos consistente en saídas didácticas ao Sendeiro do Río Louro nas que se pon en valor o paseo fluvial dando a coñecer de preto á cativada mosense os distintos elementos que forman a fauna e a flora deste hábitat. No percorrido cóntase con monitores ambientais de “Alecrín Actividades e Aventura” que se encargan de guiar e facer as explicacións polo sendeiro.

Terceira edición de FormaMOS
Hoxe tivo lugar no Colexio Lar a presentación da III Edición da Feira FormaMOS na que estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a directora do CFR (Centro de Formación e Recursos) de Vigo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Consuelo Rivera, Rodrigo Salgado Pombo, director do Colexio Lar, Julia Loureiro, concelleira Educación e unha ampla representación dos máis de 75 expositores que participarán na feira.

FormaMOS 2024 celebrarase os vindeiros días 10 e 11 de abril, nun horario de 9:00h a 15:00h no Pavillón Óscar Pereiro. A superficie adicada á feira ascende a 2000m2 nos que se instalarán máis de 75 expositores. Entre eles, 17 Universidades, 23 centros de Formación Profesional, 18 centros de especialidades, 5 academias de idiomas, 6 corpos e forzas de seguridade e protección cidadá e 2 agrupacións de voluntariado.

Os visitantes xa confirmados para este ano son 1678 alumnos de 9 localidades: Mos, Vigo, Porriño, Salceda, Nigrán, Redondela, Pazos, As Neves, e a Illa de Arousa. O que supón un incremento respecto ao ano pasado dun 25% máis de expositores e dun 60% máis en afluencia de visitantes.

Convidadas especiais de luxo
Destacan dúas convidadas especiais nesta terceira edición, como son Elsa Punset e Desirée Vila. O mércores 10 de abril estará na feira Elsa Punset, escritora e divulgadora, referencia no ámbito da aplicación da intelixencia emocional e filla do falecido divulgador científico Eduardo Punset. E o xoves 11 de abril será o turno de Desirée Vila, atleta paralímpica e ex- ximnasta acróbata, todo un exemplo de superación debido á súa historia persoal.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.