Mos duplica os traballadores do seu GES

Pasa de 6 a 12 operarios e inviste 22.000 euros do orzamento de 2024

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas, informaron hoxe de que será aprobada no Pleno Ordinario do Concello do presente mes de xaneiro a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación Provincial de Pontevedra, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais, GES. Unha vez aprobada a adhesión ao convenio, iniciarase o procedemento de contratación dos novos traballadores.

Grazas ao devandito convenio o Concello de Mos ve duplicado o número de traballadores do servizo, pasando de 6 a 12, un aumento de operarios que desde a administración local mosense levábase anos reclamando á Deputación de Pontevedra e que era enormemente necesario dado o alto volume de actividade do GES de Mos.

Este convenio ten por obxecto establecer o marco de participación e de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Mos, para o desenvolvemento das accións de asistencia en emerxencias e de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os anos 2024 e 2025, de xeito que se consiga unha maior eficacia en sinistros e na loita contra os lumes a través da optimización no uso de todos os recursos.

Para elo o Concello de Mos conta con subvencións concedidas polas diferentes administracións supramunicipais implicadas neste convenio, de cara a apoiar ao municipio para asumir o custo total de 320.000 € do GES de 12 traballadores de Mos. Así, desde o Concello aportarase o 10% do total, e os importes das axudas do resto de administracións son os seguintes: Deputación 128.000 €, Dirección Xeral Administración Local 15.750 €, Consellería Medio Rural Extinción 145.821,43 € e Consellería Medio Rural Prevención 6.428,57 €.

Este Convenio de colaboración foi asinado o pasado 29 de decembro pola Xunta de Galicia, concretamente por Diego Calvo Pouso, vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, e José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; pola Deputación Provincial de Pontevedra, polo seu presidente, Luis López Diéguez e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), polo seu presidente, Alberto Varela Paz.

En outubro do ano pasado, no Pleno de aprobación do orzamento municipal para 2024, a rexedora local Nidia Arévalo e o edil de Emerxencias, Leo Costas, xa avanzaban que “coa nova Deputación, o Concello de Mos conseguiu un GES de 12 traballadores en lugar de 6 como tiña antes, polo que a partida, para o seu cofinanciamento, duplícase con respespecto á consignada no ano 2023, alcanzando a contía de 22.000 euros”. Deste xeito Mos duplica tanto o número de traballadores do GES como a partida orzamentaria municipal destinada ao grupo de emerxencias.

Coa aprobación en Pleno da adhesión ao devandito convenio o Concello de Mos manifesta así a vontade de adherirse formal e expresamente a todas e cada unha das cláusulas do mesmo, asumindo as obrigas e compromisos derivados del e con suxeición plena a todas elas.

Os representantes municipais, Arévalo e Costas, remataron lembrando a “gran aposta que a Xunta de Galicia vén facendo dende hai anos polos GES galegos en xeral e polo de Mos en particular. Sen ir máis lonxe, en marzo do ano pasado, recibimos en Santiago de Compostela, de mans do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, equipamento para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) mosense, consistente nun novo camión autobomba. Con el sumamos 4 vehículos destinados a asistir emerxencias sendo o cuarto vehículo que se incorporaba ao parque móbil da nave do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, sito na Veigadaña”.