Mos con Ucraína

Colaboración coa FEGAMP para acoller refuxiada/os

Mos | O Concello de Mos vén de subscribir a súa colaboración na acollida de refuxiados/as ucraínos/as tras formalizar a súa inclusión no programa coordinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migracións para prestar axuda humanitaria ás familias procedentes de Ucraína.

A axuda que con esta adhesión se compromete desde a administración local mosense inclúe acollida residencial mediante familias acolledoras interesadas en colaborar ou a través de alugueiro de aloxamento, residencia en hoteis ou hostais do municipio, etc.; atención sanitaria, escolarización, atención psicosocial prestada polas dúas psicólogas coas que conta en plantilla o Concello de Mos, e outras doazóns de bens e productos para enviar á poboación ucraína que permanece no país.

Neste último caso xa se está a xestionar a recollida de medicamentos e material sanitario nas farmacias de Mos, que manifestaron a súa vontade de colaborar nesta causa humanitaria, e tratarase cos diferentes supermercados e superficies comerciais do municipio a posibilidade de aportación de alimentos e productos de primeira necesidade.

Así mesmo, establecerase un punto de recollida de doazóns por parte de veciños e veciñas particulares que queiran realizar a súa contribución persoal.

Próximamente anunciarase o lugar habilitado para a devandita entrega por parte dos particulares e o horario de apertura ao público para facer as entregas.

Xunta de Voceiros
Así mesmo, mañá pola mañá celebrarase no Concello unha Xunta Local de Voceiros que reunirá aos diferentes grupos da Corporación Municipal e na que se dará conta en detalle de todas as accións previstas desde Mos para axudar ao pobo ucraíno, que está a sufrir a invasión por parte de Rusia co conseguinte sufrimento das víctimas.

Unha poboación civil que precisa enormemente nestes intres toda a colaboración e o esforzo de administracións e poboación españolas para axudala.

Tras a Xunta de Voceiros, e durante os vindeiros días, desde o Concello de Mos irase informando pormenorizadamente de todas as iniciativas de axuda humanitaria para Ucraína organizadas desde a administración local mosense e explicarase como poden colaborar coas mesmas as persoas e entidades interesadas en facelo.