
Mos | O Concello de Mos celebrou este domingo en Costoias a Gran Festa dos Maiores, unha xornada de convivencia que reuniu a centos de persoas do municipio e que tivo como protagonista a homenaxe ás 56 parellas que este ano celebran as súas Vodas de Ouro.
O encontro permitiu ás persoas participantes compartir unha xornada de celebración, música e convivencia, nunha cita xa consolidada no calendario municipal. O momento máis emotivo chegou coa homenaxe ás parellas que cumpren cincuenta anos de matrimonio, que recibiron o recoñecemento do Concello acompañadas polas súas familias e amizades.
O acto de homenaxe contou coa participación de Carlos Veleiro como mestre de cerimonias, encargado de conducir o recoñecemento ás 56 parellas e de poñer voz ás historias e aos anos de vida compartida que se celebraban nesta xornada.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou o significado de poder compartir este día cos maiores do municipio e cos matrimonios homenaxeados.
“Hoxe estamos aquí para celebrar 50 anos de vida compartida, pero tamén para recoñecer todo o que hai detrás de cada unha destas parellas: familias, traballo, momentos bos e difíciles e moitos anos construíndo xuntos a historia de Mos. É unha enorme satisfacción poder acompañalos e renderlles esta pequena homenaxe en nome de todo o Concello”, sinalou a alcaldesa.
A rexedora subliñou tamén que a Gran Festa dos Maiores é unha oportunidade para que os veciños e veciñas das diferentes parroquias se reencontren e gocen dunha xornada conxunta. “Os nosos maiores merecen ter días coma este, nos que poidan saír da rutina, atoparse cos seus amigos e veciños, bailar, conversar e gozar. Son unha parte moi importante de Mos e queremos que saiban que o Concello está ao seu lado e que seguimos traballando para que teñan actividades e espazos nos que participar e compartir”, afirmou.
A celebración comezou pola mañá coa misa solemne cantada pola Coral Asomamos e continuou coa actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso. Posteriormente tivo lugar o xantar de confraternidade, antes de dar paso á homenaxe ás 56 parellas que alcanzan este ano os cincuenta anos de matrimonio.
Durante o acto, Carlos Veleiro foi presentando ás parellas homenaxeadas e acompañando un dos momentos máis especiais da xornada, nun recoñecemento no que se puxo en valor a traxectoria vital compartida por todos eles. A tarde continuou coa música e o baile a cargo do grupo 3.COM, que puxo o peche a unha xornada dedicada integramente ás persoas maiores de Mos.
A alcaldesa agradeceu finalmente a participación de todos os asistentes e o traballo das persoas e entidades que colaboraron no desenvolvemento da festa. “Quero agradecerlles ás parellas que hoxe homenaxeamos que compartisen con todos nós este día, pero tamén a todas as persoas que se achegaron ata Costoias. Esta festa ten sentido porque eles a fan posible coa súa presenza, coa súa alegría e coas ganas de seguir compartindo. Agardo que poidamos seguir celebrando xuntos moitos anos máis”, concluíu.




