Mos celebra unha reunión sindical sobre o orzamento 2022

Estiveron presentes na xuntanza os sindicatos CCOO e CSIF
A alcaldesa Nidia Arévalo reuniuse cos sindicatos CCOO e CSIF para tratar o relativo ao orzamento 2022 que está en elaboración.

Mos | Esta mañá celebrouse unha reunión cos representantes de parte dos sindicatos do Concello de Mos, CCOO e CSIF, na que estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal, Julia Loureiro, o Secretario Municipal, Carlos Piñeiro Sarmiento, e a Interventora, Sonia Dapena Lois.

O motivo da xuntanza foi tratar cos representantes sindicais a partida de persoal no orzamento municipal para o próximo ano 2022, no que o equipo de goberno local, encabezado pola rexedora Nidia Arévalo, se atopa traballando.

Desde o goberno quíxose escoitar as propostas e aportacións sindicais a este respecto, para telas en conta na confección do documento presupostario, que lles detallarán aos sindicatos nunha nova Mesa de Negociación Sindical convocada xa para comezos do vindeiro mes de novembro.

Durante o encontro desta mañá, tratáronse posibles melloras e modificacións na Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal, sobre as que os sindicatos realizaron as súas aportacións.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, expresou hoxe a súa “satisfacción ante o diálogo e capacidade de negociación coa Mesa de Negociación Sindical respecto do vindeiro orzamento de 2022”.

Rexedora local e Julia Loureiro, edil de Persoal, expresaron que “tras a actualización do 2019, consideramos que a RPT atópase óptimamente actualizada e mellorada, aínda que sempre cabe a posibilidade de puntualizacións ou pequenos detalles que se poden pulir, por iso estamos abertos a considerar as aportacións dos sindicatos”.

A última actualización da Relación de Postos de Traballo fíxose en 2019 ante a existencia na plantilla local de novas situacións laborais que non se recollían na Relación de Postos de Traballo do Concello de Mos, cuxa anterior modificación fora aprobada definitivamente en sesión plenaria de 25 de abril de 2016.

Orzamento municipal 2022
A alcaldesa de Mos e os concelleiros e concelleiras do Concello de Mos atópanse mantendo reunións co departamento de Intervención para confeccionar o orzamento municipal para o vindeiro ano 2022, que esperan poder entregarllo próximamente aos grupos políticos da oposición para que poidan estudalo e posteriormente será levado a aprobación no Pleno, antes de que remate o presente 2021.

Este documento económico anual en Mos sempre se aproba en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo, desde o ano 2009 que Nidia Arévalo é alcaldesa.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos