Mos celebra a 53º edición da Festa da Rosa

O humorista Touriñán foi o pregoreiro

Mos | A Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia, viviu este sábado unha das súas xornadas máis destacadas coa celebración do día grande da súa 53ª edición, reunindo centos de persoas arredor das tradicións, da gastronomía, da cultura e da música no Pazo de Mos.

A programación arrancou pola mañá coa celebración do tradicional Concurso de Rosas e do Concurso da Empanada de Millo, dúas das citas máis emblemáticas dunha festa profundamente vinculada á historia e á identidade do municipio. Posteriormente celebrouse a misa solemne na Igrexa de Santa Eulalia de Mos e a tradicional ofrenda floral aos Marqueses de Mos, nun acto cargado de simbolismo e de lembranza da historia local.

O acto continuou co pregón oficial a cargo do actor e humorista Touriñán, que, no seu ton humorístico tan característico, destacou o valor das tradicións, da identidade local e da capacidade de Mos para converter a Festa da Rosa nun referente festivo e cultural en Galicia.

Durante o acto institucional da Festa da Rosa procedeuse ao nomeamento dos novos Valedores e Valedoras da Rosa de Mos, que este ano foron os valedoriños Alba Salgueiriño e Óscar Molinos e á conselleira de Medio Rural María José Gómez, á campioa do mundo de baile Patricia Martínez, a Radio Vigo, a Celta Integra Zelnova e ao músico e rondalleiro Dani Burgos, que durante o seu acto de nomeamento foi sorprendido pola Rondalla Santa Eulalia de Mos, que quixo acompañalo tocando algúns dos seus temas.
Durante a xornada tamén tocou a Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra. Tamén se fixo entrega dos premios do Concurso de Rosas e do Concurso da Empanada de Millo.

Os galardoados desta edición foron:
Concurso de Rosas: Nieves Davila (Cela), Mucha Alonso (Dornelas), María Jesús Beltrán (Tameiga), María Romero (Torroso), Abel Alonso (Pereiras), Sandra Sánchez (Sanguiñeda), Fita Lago (Guizán), María Fernández (Mos), Mateo Míguez (Petelos) e Rosa García (Louredo).

O premio para a Mellor Rosa foi para María Fernández (Mos) e o recoñecemento especial á parroquia que máis ramos presentou foi para Cela (53 ramos).

No concurso da Empanada de Millo, o premio para a mellor presentación foi para Sara Samartín; o da empanada máis grande foi para Panadería San Miguel e o de mellor sabor, para Carmen Albán.

Cabe destacar que acto contou, ademais, coa presenza da concelleira María Martínez Allegue, Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e do Conselleiro Román Rodríguez, valedor do pasado ano e Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tamén asistiron o presidente da Deputación, Luis López, e valedores de edicións anteriores como Javier Guillén ou Uxía.

A continuación inaugurouse oficialmente a I Feira do Viño Rosado de Galicia, unha das grandes novidades desta edición, organizada coa colaboración de AGACAL e coa participación de adegas das denominacións de orixe Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.

A Asociación de Mulleres Rurais de Mos volveu ter un papel destacado coa tradicional exaltación da empanada de millo, mentres que a Asociación BaRes Mos puxo en marcha unha nova edición da súa xuntanza gastronómica, ofrecendo aos asistentes unha ampla variedade de propostas culinarias elaboradas polos establecementos hostaleiros do municipio.

A música foi outro dos grandes atractivos da xornada coa celebración dos Concertos de Viño e Rosas, que contaron coas actuacións de Los Lunes al Sol, Dani Barreiro, Uxía Lambona e Quinkillada, completando unha intensa xornada de actividade no recinto do Pazo de Mos.

A programación da Festa da Rosa continuará este domingo coa segunda xornada da Feira do Viño Rosado de Galicia e da Xuntanza BaRes Mos, que seguirán convertendo o Pazo de Mos nun punto de encontro para os amantes da gastronomía, do viño e da música.
Os asistentes poderán gozar cunha nova sesión dos Concertos de Viño e Rosas, coas actuacións de Os Mangacarballos ás 12:00 horas, Trío Somoza ás 13:30 horas, Peter Punk ás 18:00 horas e La Duendeneta ás 19:00 horas.

Desde o Concello de Mos animan á veciñanza e aos visitantes a seguir participando nos actos programados e a gozar dunha edición que combina tradición, cultura, gastronomía, música e convivencia arredor dunha das festas máis representativas do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.